domingo 15.12.2019

Invisibles, de Montse Fajardo...

sta fin de semana tiven a oportunidade de asistir a unha representación teatral a cargo das actrices Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez, dirixidas por Marián Bañobre, que puxeron en escea a obra “Invisibles”, baseada no libro do mesmo nome da vilargarcía Montse Fajardo, unha auténtica denuncia social activa e reivindicativa da loita contra a violencia de xénero que padecen as mulleres.
A obra, financiada polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, reflicte dun xeito moi directo e profundo o grave problema do maltrato e da actitude, ás veces hipócrita, outras conformista ou incluso resignada que tivo durante moitisimos anos a propia sociedade galega e española ante este fenómeno onde as vítimas son dobremente agredidas polo seu verdugo, en primeiro lugar, e polo propio sistema, en segunda instancia.
O relato perfectamente artellado polas tres actrices e cun xogo audiovisual transporta ao público dun xeito máxico e mimético ata a pel de todos e cada un dos personaxes facendo que espectador sinta un auténtico arrepío identificativo co papel interpretado por cada unha das tres protagonistas que chega a causar auténtica situación de vértigo empático co que está sucedendo no escenario.
A obra serve tamén para por no foco de atención a reflexionar sobre a inxustiza da vida, a impotencia e o conformismo de deixarse levar polos convencionalismos e o sentimento de predestinación que a nosa cultura patriarcal lle dá as mulleres con respecto aos homes e ao seu deber de resignarse ante o seu destino, ao deber coidar ás súas familias e do marido que lle tocou en sorte...
A historia que sirve de fío argumental xira en torno a o acontecido en Cambados hai xa 20 anos e que tivo como protagonista involuntaria e vítima a Mariluz Pose e como verdugo ao ex garda civil Jaime Maiz, condeado por pegarlle un tiro á súa ex compañeira sentimental cando esta se atopaba no cuartel da Benemérita, na Capital do Albariño, na compaña dunha amiga, para realizar a pertinente denuncia contra o axente... Lémbranse? Como para telo esquecido…Foi un durisimo golpe, un exemplo dunha realidade cotiá que padecen aínda hoxe moitas mulleres e moitos fogares galegos e españois. 
Foi un auténtico aldabonazo na conciencia colectiva da cidadanía sobre unha sinrazón que viña minando dun xeito, máis ou menos, calado a vida de moitas familias e de milleiros de mulleres que seguen a morrer en todo o mundo vítimas da violencia de xénero.
Invisibles dá a axeitada visibilidade a un problema que, por desgraza, segue presente nas nosas vidas cotiás e non so porque día si e día tamén nos atopamos unha noticia de violencia de xénero nas páxinas dos xornais senón porque lonxe de se extinguir esta lacra da nosa sociedade segue presente. Traballos tan serios como o de Montse Fajardo e as actrices Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez, dirixidas por Marián Bañobre, son un bo exemplo de que loitar contra esta realidade é problema de todos e todas e que hai esperanza para as novas xeracións que deben aprender dos nosos erros para non repetilos nunca.
Unha sociedade non pode ser xusta cando unha parte importante dos seus membros, mulleres e os seus fillos, seguen a padecer situacións cotiás de violencia que as persegue e aterroriza durante toda a súa vida. Non é “unha lotería” que lles tocou nin un problema individual ante o que teñen que resignarse. Estamos ante unha ignominia colectiva á que temos que facer fronte como sociedade, unidos, solidarizándonos e decindo “basta xa!” Tolerancia cero contra a violencia e os maltratadores, ou non? 

Invisibles, de Montse Fajardo...