José Juan Durán, o home das misións imposibles…

O “boom” político-informativo dos últimos días estivo protagonizado polo cese de José Juan Durán Hermida como presidente de Portos de Galicia. Unha noticia que sacudiu dun xeito especial á comarca de Arousa pola importancia e o peso específico que o afectado pola decisión do último Consello da Xunta tiña no conglomerado político-administrativo que conforma o executivo de Alberto Núñez Feijóo. 
O “camiño de volta” emprendido por José Juan Durán parécese ao de aquel vello axente da intelixencia, protagonista de calquera “Thriller” hollywoodiense, que tras longos anos de abnegado e sacrificado servizo ao “ala oeste da Casa Branca” recibe a notificación de que ten que cesar na súa actividade para dar paso a novos tempos e á modernidade que pide paso e se pon de moda...
Durán, como ese vello axente da intelixencia, foi quen de afrontar misións imposibles con medios insuficientes e perspectivas de fracaso a curto ou medio prazo. “Bailar coa máis fea” (en sentido figurado e sendo políticamente incorrecto con esta expresión) e “tourear nas peores prazas” e saír airoso do envite foron características do periplo político de José Juan Durán nos últimos anos.
Se nos remontamos aos tempos pretéritos, podemos lembrar varios dos seus destinos de zapador, asumindo retos imposibles desde a retagarda, como a reconquista para o PP do Concello de Vilanova de Arousa, despois da segregación da Illa, ata dignificar e dar esplendor a xestións tan complicadas no seu momento como foi a resurreción da Deputación herdada de Abeledo ou ter que “facer máis con menos” en Portos de Galicia, onde non só se lle deu “cariño” ao sector senón solucións prácticas desde a serenidade, a mesura e a racionalidade cun orzamento moi inferior ao do o seu predecesor e rematando 8 anos de xestión cos recurtes en persoal impostos desde unha administración austericida que exprimíu ata os límites máis insospeitados os seus recursos materiais e humanos para cumprir coas esixencias do patrón, con resignación e sen rechistar.
Durán soubo en tódolos cargos que desempeñou predicar e dar trigo, especialmente nesta última etapa en Portos de Galicia onde, ao albur dos elementos, tempestades e zozobras, algunhas delas provocadas desde a súa propia tripulación, levar o barco a bo porto, cun orzamento digno das Vodas de Canaan cunha realidade cotiá difícil e complicada onde cada día, diante dun sector moi reivindicativo e complicado, había que aplica-la imaxinación creativa para deixar en ridículo ou, cando menos, en asunto de pouca monta o miragre da multiplicación dos pans e os peixes.
En fin, que Arousa perde a un dos seus principais valedores na Corte de San Caetano mentras que José Juan Durán, despois de rematar unha xestión “cum laude” (como acredita o feito de ser quen de sacar adiante a primeira Lei de Portos de Galicia, promocionar o turismo náutico galego e o Xacobeo nos confíns do mundo, liderar o Ecodestin ou o Capiten e dar resposta ás necesidades pragmáticas do sector…) gaña en sabedoría vital e, sobre todo, en descanso persoal e familiar.
En definitiva, unha relaxada saída de foco que, seguramente será interrompida, novamente, como sucede na típica película de acción, cando un elegante coche negro aparque diante da súa casa, en Vilagarcía; del descenda un home traxeado do seu interior, chame á súa porta, apele ao seu deber patriótico e sacuda a súa conciencia política de servizo público para que volva subirse a un novo destino bravío e sen domesticar para que este home, que lle soubo susurrar aos homes das bateas, aos vellos lobos de mar e ás mariscadoras indomables acabe por volver á primeira liña...
Desde logo, esto da política non evoluciona desde hai séculos e, lendo pasaxes do Mío Cid, volvo lembrarme daquela frase pronunciada polos burgaleses nos momentos postreiros daquel cabaleiro de Vivar: “Dios, qué buen vassallo! ¡si oviesse buen señor!”, ou non?

José Juan Durán, o home das misións imposibles…

Te puede interesar