Lume do inferno...

As altas temperaturas, nun verán como este camiño de converterse nun dos máis secos do século, traen consigo, como si dunha plaga bíblica se tratara, aos tradicionais incendios que seguen a cebarse na beleza paisaxística do noso país. A especial virulencia dos lumes rexistrados en Saiar (Caldas de Reis), Castroagudín (Vilagarcía) e Vilanova de Tenorio (Cotobade) fixeron rememorar a moitos de nós o pesadelo apocalíptico vivido no 2006, na peor vaga de incendios que podamos lembrar.
Aprenderiamos algo despois destes dez anos? En principio parece que os efectivos de extinción de incendios funcionaron dun xeito máis eficiente e coordinado que na vez anterior. A proliferación de focos de lume prendida en diferentes sitios de Galicia nesta ocasión circunscribiuse, prácticamente, ás Rías Baixas o que axudou a concentrar mellor os medios aéreos e terrestres nunha zona máis delimitada e menos dispersa como na vez pasada.
Pero, que pasou co “mea culpa” entonado por tódolos políticos acerca da necesidade de incrementa-los labores de prevención, que se escoitou durante todo o 2006 e parte dos seguintes anos? Pois que quizás quedou no esquecemento brindando toda a nosa sorte á lotaría dos pirómanos confiando en que a súa maldade, enferma e demente, non atine á hora de escoller o seu obxectivo estival.
As brigadas forestais, auténticos heroes contemporáneos na loita contra os incendios, non deixan de reivindicar o mantemento dos reténs, de xeito permanente, ao longo de todo o ano para que se podan facer labores preventivas, pero o custe económico segue a ser un dos inconvintes esgrimidos pola administración para que esa lóxica petición non se leve á práctica.
Por outra banda, curiosamente, as zonas onde se producen tradicionalmente os incendios son coñecidas sobradamente pola poboación. Si o CIS fixera unha das súas enquisas sobre onde cre vostede que terá lugar un incendio neste verán, seguro que cunha marxe de erro moi estreita os enquisados darían auténticas pistas sobre onde habería que actuar e vixiar para evitar este esquilme dos montes galegos que, nos últimos tempos, parece tamén interesados en causar o pánico prendendo o lume cada vez máis preto de zonas habitadas con evidente perigo de acabar con vidas e facendas.
E  mentras tanto, que? Pois seguirémonos encomendando aos brigadistas malpagados, con xornadas maratonianas e interminables, alimentados cun bocata de sardiñas en lata e rezando para que os homes de amarelo cheguen a tempo para que non se produza unha desgraza, ou non?

Lume do inferno...

Te puede interesar