O lume noso de cada verán...

En Arousa, podemos dicir en Galicia enteira, estamos acostumados a que coa chegada do verán e as altas temperaturas (cada vez máis estables e durante máis tempo polo cambio climático) irrumpe de xeito inevitable o fenómeno incendiario que ameaza por completo ao noso ecosistema cando non a casas e propiedades debido a proliferación destes lumes nas proximidade de zonas habitadas.

O feito de lexislar e impoñer franxas de seguridade, medidas de prevención e incluso a limpeza e erradicación de especies pirófitas nas proximidades de casas e propiedades teñen unha aplicación moi relativa pola eterna dificultade en implementar medios e articula-lo xeito de que o que se decreta nun papel non sempre ten unha doada posta en funcionamento de xeito real e efectivo.

Así non digo que non sirva de nada establecer que non poden esistir especies pirófitas a menos de 50 metros das casas ou que hai que manter limpa unha propiedade se é que logo a súa aplicación baséase moitas veces no voluntarismo dalgúns cidadáns ou na imposibilidade das administracións locais (os concellos) en aplicar unha norma dictada desde arriba (comunidades autónomas) sen implementa-los medios necesarios para a súa aplicación práctica.

Estes días estamos asistindo á aparición da habitual praga de lumes, provocados ou non, que ameazan por completo o noso ecosistema, cando non vidas humanas (sen entrar xa no desgrazado accidente dun avión portugués de extinción de incendios ocurrido hai uns días en Lobios, Ourense) e que dun xeito aparentemente irremediable e como si dunha maldición atávica ou mesmo bíblica se tratara estivera abonada cada verán a presentarse en Galicia.

Sempre que pasa esto facemos a mesma reflexión: “Os lumes do verán apáganse no inverno e na primavera”, pero despois pasado o día esquecémonos da romaría ou máis ben, acordámonos de Santa Bárbara cando trona de verdade. E así, ano tras ano, independentemente de quen sexa o responsable político que estea ao fronte da administración de turno competente na materia.

O certo é que parecera que despois de centos e centos de anos seguíramos no pleistoceno da loita e prevención dos incendios forestais. É como si estiveramos nos tempos das cavernas onde o gurú de turno da nosa tribu, erguendo os brazos cara ao ceo elevara unha plegaria para que os deuses nos deixen de castigar ou, polo menos, que o fagan de maneira menos severa ante un problema que por endémico asemellara ser eterno e inevitable, ou non?

O lume noso de cada verán...

Te puede interesar