A maldición do Porto...

Na política local arousá distintos modelos se puxeron en marcha para garantir procesos sucesorios nos diferentes postos políticos de renome con resultados do máis variopinto aínda que cun nexo común: A Autoridade Portuaria como elemento vertebrador do contrapoder encargado de asediar Ravella, sobre todo na época en que o despacho principal estaba ocupado polo todopoderoso, Javier Gago.
Dentro do “fair play” institucional sempre se negou esta circunstancia ata cando estaba ao fronte Rivera Mallo ou o propio terremoto humano Manolo Bouzas con cuxa xestión, baseada na eficiencia e na austeridade, amenazaba con remover ata o último cimento da Autoridade Portuaria sin que aquelo, ao final, quedara en nada serio.
O certo é que a Autoridade Portuaria perseguiu, como unha maldición, a aqueles que pasaron polos seus despachos ocupando algunha responsabilidade, casi todos presidentes da entidade. Así, Rivera Mallo estivo alí desterrado despois de abandonar Ravella e alí foi onde recibiu a “sentenza de morte política”, que lle impuxo o difunto Xosé Cuíña, aínda que nunca consumada en xeito efectivo como demostrou a súa capacidade de supervivencia que o levou a recupera-la súa condición como senador “cuasi vitalicio”.
Polo despacho da Avenida do Peirao de Pasaxeiros tamén transitou o socialista Suso Paz, o eterno delfín de Javier Gago que, por mor dun “affaire” nunca ben explicado, acabou tamén defenestrado como candidato a ocupar o sillón de Ravella aínda que, por motivos laborais, sigue vencellado á Autoridade Portuaria.
Que dicir de Manolo Bouzas? Aquel home que encabezou unha rebelión, máis ben suicidio, formando tándem con Amadeo Rodríguez, seguindo as ordes de Xosé Cuíña quen os deixou (como a moitos outros) ao pé dos cabalos enarbolando a bandeira do galeguismo no PPdeG…
Tamén pasou por alí Javier Puertas, aquel prometedor directivo de Caixanova que se xogou todo o seu prestixio persoal nunha partida contra Tomás Fole onde todo o mundo sabía que as cartas estaban marcadas menos el. O golpe foi tan terrible que resultou demasiado inxusto para unha persoa que pecou de todo en política.
E agora, parece que a solución de continuidade para o PPdeG en Vilagarcía volve pasar polos despachos do Peirao de Pasaxeiros, a través de Alfonso González Gallego, presidente da Cruz Vermella vilagarciá e responsable comercial do Porto. Visto o visto non sei si será un favor que lle quere facer o Sr. Fole ou avivar aínda máis o mito da maldición que rodea aos candidatos procedentes da Autoridade Portuaria, ou non?

A maldición do Porto...

Te puede interesar