A Mancomunidade o espírito do consenso fronte a votos e vetos...

A loita pola presidencia da Mancomunidade do Salnés pon en evidencia un escenario político na comarca arousá marcado pola crispación e o enfrontamento, moi alonxados do xérmolo e da filosofía que inspirou a creación deste órgano de representación supramunicipal, un dos máis eficaces e eficientes dos que, ata o momento, existen en Galicia.

Creado hai máis de tres décadas, viña sentando baixo unha mesma mesa á totalidade dos representantes e sensibilidades políticas con voz e voto nos nove concellos que conforman a comarca do Salnés. Así, esta entidade que arroxa saldo positivo na súa xestión, cuestión xa de por si salientable e que contrasta con moitos outros organismos de similares características onde a falla de compromiso dos seus membros, incluso a nivel contributivo, fai deles un auténtico “chiringuito” inservible que acaba sempre por fenecer de inanición práctica, aplastada por unha concepción burocrática estéril.

A Mancomunidade do Salnés sempre foi un exemplo a seguir, sobre todo durante a presidencia do meañés Jorge Domínguez que fixo do funcionamento deste organismo un dos seus principais legados políticos que agora corre o serio perigo de viturparse por culpa dunha clara falta de altura de miras dos actuais representantes políticos nos distintos concellos da comarca que, a imaxe e semellanza do que está a acontecer a nivel estatal, deixan moito que desexar desde o punto de vista da súa capacidade de entendemento aprol da defensa dos intereses xerais dos veciños e veciñas aos que representan.

A Mancomunidade do Salnés era vista por Jorge Domínguez, e os pioneiros que puxeron en marcha este organismo supramunicipal, como un elemento vertebrador e de consenso para facer grande aquel vello dito de que “a unión fai a forza”. Esa era a idea chave que inspiraba a tódolos actores deste proxecto que, deixando atrás os distintos matices políticos, desenrolaban proxectos, infraestruturas e servizos de vital importancia para logra-lo progreso social e o benestar das persoas que habitan en todos e cada uno dos nove concellos que conforman a comarca do Salnés, cada un coas súas peculiaridades e idiosincrasia.

O todo estaba por enriba das partes e a Mancomunidade exercía como un crisol no que os nove concellos confluían dun xeito harmónico. Agora, pola contra, parece que en lugar de buscar o consenso como “modus operandi” sexa o enfrontamento e a crispación os fíos conductores do seu funcionamento ou máis ben o xérmolo da súa destrucción.

Moito traballo teñen diante de si tanto a nova presidenta, a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, como o resto dos concelleiros que conforman o seu órgano xestor, que deben ter en conta o espírito da súa conformación e pensar que son máis importantes os proxectos que os unen que os votos e os vetos que os separan, ou non?

A Mancomunidade o espírito do consenso fronte a votos e vetos...

Te puede interesar