Manolo Suárez, Vilagarcía e o tren do futuro...

Vilagarcía, e por extensión toda a comarca de Arousa, únese á historia coa recuperación dunha parada estable do tren directo a Madrid que, por fin, ve a luz despois de décadas de reclamación das distintas xeracións de representantes políticos e sociais que veían no ferrocarril parte da idiosincrasia e da razón de ser non so da capital arousá senón tamén, incluso, da historia de Carril.

Quérome lembrar no día de hoxe do meu amigo Manolo Suárez, un dos principais impulsores do Museo do Ferrocarril e da recuperación da memoria histórica que sitúa a Vilagarcía no berce da chegada do tren a Galicia… Atrás quedan os famosos John Trulock e a británica compañía ferroviaria “The West Galicia Railway Co. Ltd.”, que puxo en funcionamento a primeira vía entre Cornes (Santiago de Compostela) e Carril (Vilagarcía).

Para el van hoxe os meus recordos e homenaxe polo seu saber e amor por Vilagarcía e o ferrocarril. Lémbrome de cando me falaba do avó materno de Camilo José Cela e de todo un aluvión de noticias relacionadas coa adoración estival dos composteláns pola praia da Concha e do vencello xacobeo dos arousáns coa capital de Galicia a través do ferrocarril como medio de transporte e de poder achegar mercadorías e esperanzas a Santiago.

Hoxe cúmprese ese soño ligado á idiosincrasia de Vilagarcía e a súa historia unida por e para sempre ao ferrocarril, aos talleres da antiga Renfe e á propia escola de Bamio que hoxe sobrevive con outros cometidos e menesteres, pero que está na memoria colectiva de todo un pobo que medrou pegado ao chucuchú do tren…

Mirando ao futuro, paréceme ver a Manolo Suárez erguéndo a súa alta figura, arqueándose cara atrás e dicindo: “Aí o tedes, o tren”… seguro que nos contaría mil e unha anécdotas, batallas e incluso se daría o gusto de recitarnos a árbore xenealóxica dos enxeñeiros británicos que emparentaron en Galicia coa burguesía local en auxe para maior deleite de quen nos honramos en ter sido os seus amigos e aprender del o amor por Vilagarcía e polo tren.

Agora o que nos queda é ver que, por fin, polas vías dese tren chegue dunha vez o progreso que buscamos, que nos poña de novo no mapa e que sexa precisamente a locomotora que nos impulse para deixar atrás canto antes os sufrimentos e as incertidumes socioeconómicas e sanitarias derivadas desta pandemia que dura xa demasiado e que ameaza con non marcharse xamais. Vilagarcía, Arousa e Galicia non poden perder nin o rumbo nin o tren do seu futuro, ou non?

Manolo Suárez, Vilagarcía e o tren do futuro...

Te puede interesar