Manuel Suárez a voz do tren...

Un vai notando que se fai maior a medida que se van precipitando a modo de fervenza irrefrenable toda unha serie de novas luctuosas que empañan por completo o devir dos días. A última noticia neste senso foi o falecemento de Manuel Suárez, persoa entrañable onde as haxa e un deses vilagarciáns de pro que se sentía especialmente orgulloso de pertencer á capital arousá e facer gala de ser unha das persoas que mantiñan viva a memoria xenealóxica dun pasado nobre e glorioso da Perla de Arousa.
Manolo alternou a súa paixón pola historia con outra das súas debilidades: o amor polo ferrocarril e máis concretamente polo primeiro que houbo en Galicia, o que comunicou a Carril coa localidade de Cornes, no antigo concello de Conxo, hoxe Santiago de Compostela. Pero tamén fixo os seus “pinitos” nos anos 60 e 70 como Manolo Lassa, cantante do mítico “Los Duendes” e tamén con “Los Tamara”. Últimamente participaba na grande parte dos eventos culturais celebrados en Vilagarcía pondo a súa potente voz á Big Band.
Como impulsor da asociación Arousa Tren e do Museo do Ferrocarril mantivo viva outra das facetas que corrían o risco de ser esquecidas como é a relación histórica de Vilagarcía co ferrocarril que fixo que Manolo Suárez tivera no premio nóbel Camilo José Cela un dos seus aliados naturais para manter viva a ilusión ferroviaria da capital arousá a través da Fundación que en Iria Flavia tiña o escritor padronés universal.
No Diario de Arousa foron puntuais e cheas de erudición as súas colaboracións semanais no Suplemento Cultural aportando luz sobre a árbore xenealóxica das principais e as máis emblemáticas familias arousás, da historia do ferrocarril e mil e un asuntos nos que o arquiveiro municipal de Vilagarcía sempre tiña algo que contar e que aportar.
Na súa faceta humana, quenes tivemos a honra de o coñecer e tratar levámonos para o noso recordo o sentimento de ter compartido un proxecto xornalístico auténticamente arousán cun perfecto cabaleiro, culto, formado, educado, respectuoso e amigo da erudición e a precisión documental no aporte do dato científico que ilustra a historiografía da nosa bisbarra.
Manuel Suárez e Gonzalo Bouza-Brei foron dous pilares dun suplemento semanal que pretendeu encher desde a modestia e o coñecemento arousán un mar de cultura, historias, lendas e ilusións facendo que da prosa de ámbolos dous vilagarciáns fora medrando a herdanza histórica dun pobo orgulloso de si mesmo, ou non? Grazas Gonzalo, e tamén a Manolo, sempre no noso recordo e no noso corazón.

Manuel Suárez a voz do tren...

Te puede interesar