lunes 26.08.2019

Medo a perde-lo tren...

ando falamos do tren, aos arousáns vénsenos de inmediato á memoria colectiva a historia e o futuro de Vilagarcía ligados ao ferrocarril. Pero si o centramos na actualidade, tampouco podemos ser alleos á polémica que cíclicamente se xera arredor do ramal ferroviario e o complicado paso polo centro da vila dos convoios cargados con contedores de mercadorías que teñen punto de partida e final nos peiraos do porto e, máis concretamente, nas operativas que pon en marcha periódicamente a empresa Boluda, que hai anos fixou parte da súa estratexia atlántica na rada vilagarciá.
As molestias que xeran o paso de convoios de gran tamaño polo centro da vila resucita as incomodidades do tránsito ferroviario nubrando ás veces a vocación portuaria e mercadoril da cidade de Vilagarcía que ten no porto a súa principal fonte de riqueza e xeradora de emprego. Conciliar o progreso social e económico coas molestias ocasionadas polo paso puntual do tren, aínda que sexa unha vez por semana, non sempre atopa a comprensión debida por parte dos cidadáns desta pequena urbe galega nin dos seus asiduos visitantes que ven como o paso do ferrocarril dificulta o xa complicado tráfico rodado do centro da vila.
Pero hai que pensar tamén no aporte de competitividade que conleva un porto de interese xeral, como o de Vilagarcía, e na necesidade de dispor de solucións de transporte intermodal para poder rivalizar con outras radas en tráfico e alternativas de futuro para os polígonos industriais que xalonan a comarca desde o do Pousadoiro, pasando polo de Sete Pías, Trabanca ou mesmo o de Vilanova-Baión, sen esquecer tampouco o de Barro-Meis, que no seu chan industrial dispón de varias empresas con intereses na conectividade co porto de Vilagarcía e a súa capacidade e conectividade coa rede de transportes nacional e internacional.
Polo tanto, os vilagarciáns amósanse preocupados polas molestias que ese transporte ferroviario ocasiona, pero son tamén conscientes das necesidades e dos sacrificios para que a rada arousá por excelencia poda optar nas mellores condicións competitivas a captar tráficos de interese xeral que aporten valor engadido ás empresas asentadas na comarca e, de xeito inverso, ser porta non so de entrada senón de saída dos produtos manufacturados e das materias primas co debido valor engadido para xerar riqueza na comarca. Vilagarcía, e Arousa, non poden permitirse o luxo de perde-lo tren económico que supón o movemento portuario a través do ferrocarril.
Polo tanto, sen querer cair no tópico de “sarna con gusto non pica”, non é menos certo que as vantaxes que xera un porto de interese xeral sobrepasan as incomodidades dun tráfico ocasional ferroviario, ou non?

Medo a perde-lo tren...
Comentarios