Mulleres traballadoras arousás...

Na xornada de hoxe conmemórase o Día Internacional da Muller Traballadora, así con apelido, porque aínda que moitas veces se pretenda perder a perspectiva desta data e se ofrecen versións diferentes do auténtico fito histórico que marcou a data de celebración o que está claro é que tivo un evidente e marcado sesgo sociolaboral liderado polo colectivo feminino na defensa dos seus dereitos como traballadoras e tamén como mulleres.
Das distintas versións que se ofrecen, a máis verosímil é a que di que foi un 8 de marzo do ano 1857 cando un grupo de traballadoras do sector textil decidiu saír ás rúas de Nova Iorque para protestar polas míseras condicións nas que traballaban. Sería unha das primeiras manifestacións documentadas no mundo industrializado na loita polos dereitos laborais das mulleres. Distintos movementos e sucesos ocorreron a partir desa data. Un dos máis destacados tivo lugar o 25 de marzo de 1911, cando se incendiou a fábrica de camisas Shirtwaist de Nova Iorque onde morreron un total de 123 mulleres e 23 homes. A maioría eran inmigrantes que tiñan entre 14 e 23 anos.
Pero non fai falla volver a vista tan atrás nin tan lonxe para lembrar o papel fundamental na loita obreira e pola liberdade e a igualdade entre homes e mulleres. 
Moitos exemplos hai en Arousa de mulleres que axudaron a levanta-lo sector conserveiro, primeiro cos fomentadores cataláns, sobre todo en  Vilaxoán, e logo nos distintos pobos mariñeiros da Ría onde se foron asentando fábricas de salazón e da conserva.
Pero tamén foron as sostedoras dos fogares arousáns durante os anos da dura emigración, cando desde o porto de Vilagarcía marchaban aqueles vapores rumbo ao Novo Continente. Elas tiveron que facer de pais e de nais sostendo á familia e educando aos fillos como podían. Estiveron tamén na posguerra sacando adiante aos pequenos e incluso facendo traballos de gran esforzo físico reservados inicialmente para a man de obra masculina.
Agora a súa loita está na defensa da igualdade de oportunidades, en garantir o acceso á educación e á sanidade pública de calidade, na incorporación ao mercado laboral en igualdade de condicións, en conseguir que a igual traballo reciban o mesmo salario e en finiquitar coa discriminación sexista imposta a través dos teitos de cristal e de formigón. A muller arousá foi, é e será sempre un exemplo, ou non?

Mulleres traballadoras arousás...

Te puede interesar