• Miércoles, 26 de Septiembre de 2018

Non me toquede-la ameixa

Parece que nos últimos anos non se pode celebra-la Festa da Ameixa

Parece que nos últimos anos non se pode celebra-la Festa da Ameixa de Carril sin que se produza algún tipo de roce entre os organizadores e os responsables políticos. A verdade é que se está a converter nunha auténtica tradición que, precisamente este ano, cumpre o seu 25 aniversario.
Outros anos a polémica estaba detrás do nomeamento das damas e cabaleiros da Orde da Ameixa, nunca a gusto de todos e menos das autoridades en función da cor política dos elixidos ou dos que ostentaban, por decisión democrática, a representación correspondente nas administración concitadas polo evento.
Este ano parece que as posturas son máis irreconciliables que nunca e a cabezonería de uns e outros ameaza tamén con resucitar as vellas disputas localistas e os ciumes entre as “tres patas” que conforman o municipio de Vilagarcía que non son máis que Carril, a Perla de Arousa e Vilaxoán.
A coincidencia dos días elixidos pola Confraría de Carril, que lidera con máis apoios e forza que nunca o incombustible José Luis Villanueva, adalid dos parquistas desde tempos inmemoriais, con outras celebracións festivas do municipio aproveitando as Festas de San Roque e tamén a celebración das Revenidas de Vilaxoán transformouse nunha cuestión de honra da que ninguén se quere apear. O Concello esgrime razóns de seguridade, escudado nun informe da Policía Local, para pedir o cambio de data e os de Carril en que xa comunicaron o día con suficiente anterioridade (principios de ano) sin que ninguén lles advertira da súa inconveniencia; ademais dos compromisos contractuais asumidos con determinados espectáculos e participantes polo que, agora, a nova “serpe de verán” mediática está servida.
As posturas están tan enconadas que ninguén está disposto a dar marcha atrás. Uns din que sempre teñen que ceder, outros que sempre se fai o que outros queren, en fin… que non hai con quen falar e o sentido común neste tipo de liortas é o menos usado por responsables políticos e do sector cando se trata de atopar unha saída razoable e ecuánime sin darse conta de que hai moito en xogo.
Está en tela de xuizo a imaxe dun sector como o extractivo e produtivo dos parques de cultivo de Carril que neste evento teñen unha ocasión moi boa para promocionarse e amosarse ao mundo como un colectivo unido; tamén está o aproveitamente turístico e de marca e a faceta institucional que o Concello e a Xunta deben xogar neste tema. Así que, señores e señoras, por favor, non me toquede-la ameixa e atopade unha solución, aínda que sexa salomónica, ou non?