O que teña menos pasado que...

Anegativa de Alberto Núñez Feijóo a presentarse ao proceso de primarias que está a vivir o Partido Popular e a súa decisión de non faltar á palabra dada aos galegos mediante a cal estaría ao fronte da Xunta de Galicia ata o 2020 acabou por propicia-la apertura do melón sucesorio de Rajoy cuestión que, a priori, ninguén quería polo risco de “balcanización” que podería supor este procedemento interno ao que non está acostumada esta formación política que se estrea neste tipo de procesos.
Nestes momentos son 6 os candidatos e candidatas que optan a colle-las rendas do principal partido da oposición nunha loita que os coñecedores da realidade interna do PP circunscriben en realidade a dúas opcións reais (Soraya e Cospedal) aínda que coa posibilidade de que se poda colar un “offsider”, despois do lío da súa carreira meteórica, non a política aínda que tamén, senón a académica,… Refírome, claramente, a Pablo Casado.
Os militantes de base do PP van a atoparse ante unha disxuntiva nunca antes vista onde, a priori, terán que guiarse polo seu propio instinto barallando varias posibilidades á hora de votar: o mellor para o partido, desde un punto de vista orgánico; os intereses de España; as predileccións electorais do conxunto dos cidadáns e o que menos “mochilas” teña por mor da previsible fervenza de sentenzas incómodas que terá que lidiar (máis Gürtel, Lezo, discos duros do PP, etc.)
Polo visto vai resultar que o mellor situado para ocupar a presidencia do Partido Popular, analizado dun xeito aséptico e obxectivo os pros e os contras, tería que ser unha persoa que fora deputado, que non tivera hipotecas, nin relación algunha con casos de corrupción e, si me apuras, que non tivera pasado algún do que ter que respostar porque os encargados de bucear nas ciénagas están xa recopilando datos para “fabricar” o oportuno dossier que impida calquera acción política co perigoso que esto supón para un sistema democrático.
En fin, ao final vai resultar que Feijóo é o máis listo de todos e mirando “os bois cos que ten que labrar” implorou á Virxe de Lourdes e dixo aquelo de “Virxenciña, Virxenciña que me quede como estou” ou en román paladino: “apartade de min ese cáliz”. De tódolos xeitos, quen teña menos pasado que tire a primeira pedra, ou non?

O que teña menos pasado que...

Te puede interesar