• Jueves, 20 de Septiembre de 2018

Obxectivo Cambados...

O anuncio da presentación dunha moción de censura no Concello de Tui, que será debatida o vindeiro 17 de outubro, volve a axita-la pantasma dun intento similar na Corporación de Cambados

O anuncio da presentación dunha moción de censura no Concello de Tui, que será debatida o vindeiro 17 de outubro, volve a axita-la pantasma dun intento similar na Corporación de Cambados, sempre baixo a mirada atenta da incertidume e perseguida desde a súa constitución por unha ristra de apostas sobre a capacidade de aguante do goberno cuatripartito liderado pola alcaldesa Fátima Abal e, na sombra, polo inesgotable Xurxo Charlín.
Pese a figurar nas quinielas politolóxicas do país como un dos primeiros lugares onde podería recuperar o seu poder o Partido Popular, hai que recoñecer que de momento síguese resistindo aos “cantos de serea” do novo presidente provincial do PPdeG, Alfonso Rueda, que pese a coñecer perfectamente este municipio onde exerceu como secretario municipal non acaba de atopar a chave que permita devolverlle o cetro de mando a Luís Aragunde.
Parece que unha vez sorteado o ecuador da lexislatura e conformado un novo equipo na dirección do PPdeG en Pontevedra se abrira a veda para saír a por todas a reconquistar pola vía da moción de censura, nuns casos, e no cambio de aliados, no que se refire a Sanxenxo, a tonalidade azul no mapa político provincial.
Os agoreiros falaban de que Fátima Abal non aguantaría o tirón ata finais da lexislatura; había quen falaba de que os compromisos educativos e profesionais do nacionalista Víctor Caamaño esgotarían a súa capacidade e adicación ás tarefas municipais e que o incombustible Xurxo Charlín, auténtico home-orquestra do goberno cuatripartito, non sería quen de manter xirando no aire ao mesmo tempo e en tódalas pistas do circo municipal os “pratos chineses da acción de goberno”. Pero aí están, aguantando fronte a vento e marea aínda que de vez en canto Xosé Ramón Abal teña que interpretar un só de trompeta para lembrarlle a propios e estranos que sigue marcando o paso nesta auténtica “troupe” (grupo de amigos) na que se ten convertido o equipo de goberno.
A verdade é que o cerco cada vez está máis preto e só quedan 18 meses para ver si se materializa algunha moción de censura de última hora xa que o tempo xoga en contra dos promotores destas iniciativas que miran agora cara Tui como querendo lembrarlle aos membros do cuatripartito aquelo de “cando vexas as barbas do teu veciño cortar pon as túas a remollar”…, veremos, ou non?