Obxetivo Cambados...

Nada máis conformarse os gobernos tripartitos e cuatripartitos nos distintos concellos que conforman a comarca do Salnés moitos foron os observadores que profetizaron que non chegarían ao final da lexislatura e, parece ser, que os negros presaxios comezan a cumprirse coa rutura do goberno de Sanxenxo e unha nova edición do “Telmo´s Return”.
Hai quen di que se debe á constancia de Telmo Martín en facer oposición, aínda que foxe desde fóra do país e nos seus ratos libres, pero o que si parece certo é que as amalgamas acaban producindo profundas fendas que rematan co derrube completo de calquera alternativa política antinatura edificada fronte ao Partido Popular.
O tempo e o “achegamento” de posturas á hora de atopar unha fórmula que satisfaga os egos persoais e as necesidades do espíritu dos principais protagonistas soen estar detrás dunha regra non escrita sobre a negociación da estabilidade de calquera goberno municipal en minoría, sobre todo si este está liderado por unha agrupación independente que, por cuestións de sorte ou carambolas electorais da vida, acaban ocupando a Alcaldía.
Non é cuestión de entrar aquí a discutir si o goberno de Sanxenxo era máis unha agrupación de intereses comúns ou o camarote dos irmáns Marx, pero o que si é certo é que non todo o mundo asumía o seu papel seguindo unha única direción política dentro dunha coreografía coral onde cada un debería saber cal era o lugar que ocupaba.
O “achegamento” tardou dous anos, pudo ser antes e tamén podía ser despois, pero o que estaba claro é que tiña que chegar. Gonzalo Pita é un home do seu tempo, moi amigo do diálogo e o entendemento e, máis cedo que tarde, Telmo Martín tería que baixar do seu cabalo branco e tras facer a correspondente reverencia, conquistar de novo o trono de Sanxenxo. Tardou máis da conta? Posiblemente, o tempo dirao, o caso é que a solución non era tan complicada, e Telmo sabíao desde un principio. Pensou que por ser el quen era bastaba e non foi así…
Agora o seguinte capítulo que quere escribir o PP provincial de Alfonso Rueda pasa pola capital do Albariño onde xa comezaron a poñer as “barbas da ilustre veciña” a remollo polo que poda pasar por “culpa do viño…” Xa saben vostedes que nesto da política a escusa é o de menos: Catro aparcamentos nunha rúa, unha foto mal posta, un turno de palabra non dada,… detrás de calquera acción ou omisión pode estar oculta unha afrenta infranqueable para “os intereses do noso pobo”, ou non?

Obxetivo Cambados...

Te puede interesar