Jueves 15.11.2018

Ollo cos “yayofrautas”...

Dicía un amigo meu que non hai peor batalla

Dicía un amigo meu que non hai peor batalla que aquela que teñas que librar contra unha persoa que estea xubilada porque “ten todo o tempo do mundo…” Algo así deben de estar a pensar os responsables do Instituto Social da Mariña (ISM) no conflicto que os enfrenta cos usuario do Club de Xubilados da Casa do Mar de Vilagarcía que seguen a protagonizar unha sentada ata que se lles realoxe nuns locais que eles cualifican de dignos.
A verdade non sei si moitos dos que están agora a protagoniza-las sentadas diante da Casa do Mar son vellos revolucionarios do Maio do 68, pero o que si está claro é a súa determinación a non se mover deste lugar mentras non se lles acubille noutro que sea da súa satisfacción vai completamente en serio.
Parece que non os amedrenta o feito de que operarios da empresa adxudicataria das obras de mellora do edificio estean procedendo a colocar unha auténtica empalizada, a través dun valado metálico, ou que se tente impedir o seu paso ás instalacións cun candado pola zona do aparcamento; os “yayofrautas” (con todo o cariño) non dan o seu brazo a torcer e estanse a converter nun auténtico problema para os responsables provinciais do ISM.
E pregunto eu, será moi complicado iniciar unha liña de diálogo que acabe por atopar unha solución satisfactoria para un colectivo de persoas xa xubiladas e que teñen aportado á sociedade boa parte do seu activo laboral para saír deste atolladeiro?
As veces asistimos a situacións que parecen máis ocurrencias dun guionista de cine do humor dos anos 70-80, daquelas películas de Cine de Barrio con José Luis López Vázquez ou Paco Martínez Soria, que dun problema real do século XXI. Seguro que non hai posibilidade de atopar un acordo satisfactorio para ámbalas dúas partes?
Resulta triste ver como a insensibilidade da burocracia non é quen de atopar unha saída digna para un colectivo, da terceira idade, que non busca máis que un lugar axeitado para se reunir, botar a súa partida de cartas en paz e tranquilidade e discutir de fútbol e de política mentras se peta na mesa para cantar as cuarenta.
“Tanto traballar para nada!”, seica dicía algún. Chegar á xubilación debería ser motivo de satisfacción (xúbilo), pero en realidade, ante cuestións como esta, ves que a burocracia entende máis de procedementos administrativos que de persoas, ou non?

Ollo cos “yayofrautas”...
Comentarios