Oubiña e Avendaño, irreconciliables

Onte escenificouse, por enésima vez, unha nova edición do desencontro perpetuo que dúas persoas de carácter duro que protagonizaron, alienados en diferentes bandos, o problema do narcotráfico en Arousa. Nesta ocasión a cita ante os xulgados debíase a unha denuncia presentada por Laureano Oubiña contra Carmen Avendaño por presunto atentado contra o dereito ao honor do que se sentía obxecto o ex narcotraficante cambadés.
Como era previsible, non houbo acordo na vista de mediación e o xuizo quedou fixado para o vindeiro 27 de febreiro. Oubiña insistía en que cunha simple desculpa e o pagamento dun euro simbólico bastaban para ver restañada a súa honra, pero Avendaño mantívose firme e reiterou as súas declaracións a unha emisora de ámbito nacional nas que dicía que “o que dixen, e manteño, é que o señor Oubiña ganouse a vida con actividades ilícitas”.
Ninguén a estas alturas da película podería agardar nada diferente. Moito hai de sufrimento detrás dunha nai, como Carmen Avendaño e outras moitas mulleres, que viron como a drama da droga acabaron por completo coa vida dos seus fillos nos anos 80 e 90. Unha traxedia que permanece indeleble na conciencia colectiva dunha xeración, como a miña, que vimos como as “nais coraxe” foron quen de derrubar co seu carraxe as verxas da incomprensión e da impunidade dunha xente que se fixo inmensamente rica a costas da ruína e da saúde de mozos e mozas que prometían en se converter no futuro da súa terra.
Difícil, por non dicir imposible, arrancar de Avendaño unha mostra de arrepentimento polo feito no seu momento, pola loita que levaron ela e as súas compañeiras a prol dos seus fillos, dos delas e dos das outras, daqueles mozos e mozas que foron mudando as súas ilusións por vivir por unha estampa calavérica, unha faciana marchita, unha vida en morte ata a morte final.
Como esquecer todo eso. Non podemos pretender que ninguén esqueza, nin tampouco que perdoe. Arousa ten unha espiña cravada no máis profundo da súa alma naquela xeración perdida que non soubo salvarse a tempo. Esperemos que a traxedia non dea a esquecemento e o exemplo loitador, desgarrador, desas nais tampouco esmoreza co paso dos anos.
Non todo o mundo pode ter o sangue frío as 24 horas do día nin ter permanentemente nos beizos a correción política e menos cando hai cousas que doen na mesma alma, ou non?

Oubiña e Avendaño, irreconciliables

Te puede interesar