• Lunes, 24 de Septiembre de 2018

O ouro de Moscú...

Gonzalo Pita, o alcalde de Sanxenxo, estase a consolidar como referente 

Gonzalo Pita, o alcalde de Sanxenxo, estase a consolidar como referente na comarca en materia de turismo e segue, sen complexos, a estela rutilante que iniciou hai anos o seu tocaio de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, nunha viaxe a Fitur onde, vestido cunha gabardina estilo espías dos anos máis duros do Telón de Aceiro, se entrevistou —na compaña de Ramón Guinarte— cun agregado comercial da embaixada de Rusia en Madrid de cuio nome impronunciable non podo lembrarme.
Despois seguiron os chamados “fam-trip” con esporádicas visitas de axentes de viaxes e touroperadores procedentes da “Madre Rusia” que percorreron a Variante Espiritual do Camiño Xacobeo (outra iniciativa ocurrente do “zorro de Baión”) e varias adegas da Denominación de Orixe quedando para sempre prendados do turismo relixioso, de praia, a gastronomía, o enoturismo e dos mil e un encantos que ofrecen O Salnés e as Rías Baixas.
Agora estamos no terceiro acto, con Gonzalo Durán como presidente da Mancomunidade do Salnés e Gonzalo Pita, o alcalde de Sanxenxo, como responsable de turismo do organismo supramunicipal que ten no mercado ex soviético un nicho importante para captar a estes viaxeiros que chegan en familia e que teñen por costume gastar unha boa cantidade de rublos, disfrutar do sol, do bo xantar e mellor beber e, sobre todo, do turismo de experiencias das cales Arousa é un referente obrigado.
O reto é importante, pero xa queda menos camiño do que había cando algúns tomaban a chufla o encontro, en Madrid, do home de gabardina que asistiu e percorreu canto stand había en Fitur e que viña de Galicia coa intención de falar con aquel agregado ruso, de nome impronunciable, apadrinado pola embaixada de Rusia e a todopoderosa Turespaña. Falar non sei en que idioma o farían, pero o que si me quedou claro é que acabaron por entenderse o suficiente para tender pontes entre a fría e lonxana Rusia e as cálidas e acolledoras terras das Rías Baixas.
O turismo segue a ser a auténtica “galiña dos ovos de ouro” do noso país sendo un dos principais responsables do PIB que ten no sector servizos un dos seus asideiros para saír da crise. Agora temos que ter a intelixencia suficiente e a sabedoría apropiada para ser quen de captar a súa atención, respostar ás súas necesidades e facelo sostible para que non se acabe convertendo nun recurso no que teñamos pan para hoxe e fame para mañá, ou non?