Outra visión de Arousa...

ovamente e, neste caso, a raíz da operación Mito e a detención de José Ramón Prado Bugallo, Sito Miñanco, volve a estar Arousa de actualidade a nivel nacional de xeito involuntario e relacionado, por enésima vez, coa lacra do narcotráfico que non fai máis que lastrar a imaxe desta bisbarra polo mundo adiante.
Falabamos hai non moito tempo deste tema relacionando as declaracións de Carmen Avendaño, da Asociación Érguete, co risco permanente de reincidencia de certos personaxes do pasado recente arousán unha vez que teñen cumprido con parte das súas penas e volven a saír á rúa pondo en entredito a capacidade de reinserción social que teñen os cárceres e o uso torticeiro dos beneficios penitenciarios dos cales moitos se aproveitan.
Non quero entrar agora nesas cuestións que, desde logo, serían base para un debate sesudo que pudera inspirar a lexisladores e xuristas, aplicadores da norma legal no referido ao cumprimento íntegro ou non de determinadas penas ou incluso da necesidade de arbitrar medidas revisables sobre elas, non só desde o punto da aplicación de medidas favorables para o reo senón tamén restrictivas de cara a telo en conta no futuro en caso de reincidencia en delictos especialmente graves.
Agora o que me preocupa, de novo, é a imaxe e o “sambenito” que esta comarca ten desde hai xa moito tempo (non digo que non haxa motivos para elo) por culpa do narcotráfico e que arrastra como unha pesada carga a modo de penitencia perpetua que parecera non ten visos de rematar nunca.
Quero tamén felicitar desde aquí, como non pode ser doutro xeito, á Fundación Galega contra o Narcotráfico e ás asociacións de axuda ás vítimas do narcotráfico, ás familias dos mozos e mozas que caíron ou que están nas garras desta xente sin escrúpulos que comercia coa vida e coa morte de persoas e que non deixan de loitar nunha batalla indesexable para ninguén e da que non sempre se sae victorioso.
Para todo eles e para tódolos arousáns vai o meu berro de rebeldía ante unha situación inxusta e lamentable que ameaza permanentemente o traballo de moitísima xente honrada que se esforza por ofrecer a imaxe verdadera desta terra: punteira en acuicultura e cultivo mariño, referencia mundial en enoturismo e viticultura, aposta seria polo emprendemento empresarial e o tecido industrial e motor da Galicia do século XXI, ou non?

Outra visión de Arousa...

Te puede interesar