Paco Lores, un grovense en Bos Aires...

Si temos que facer memoria sobre o labor dos arousáns na emigración un dos nomes propios que sairán con toda seguridade é o do grovense Francisco Lores Mascato, máis coñecido como Paco Lores e para os máis achegados como “Paganiní”, como lle chamaban desde cativo na súa terra, cariñosamente.
Paco Lores recibe no día de hoxe a medalla do Consello da Cultura Galega, a título póstumo e de xeito extraordinario, polo seu labor de preservación e difusión da memoria da emigración galega na Arxentina labor que exerceu tamén como presidente da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina (FAGRA).
Este recoñecemento a este dirixente galeguista na emigración, que chega con el xa falecido, ven a homenaxear o esforzo incansable desenvolvido durante moitos anos en defensa dos dereitos e libertades dos galegos residentes en Bos Aires, así como polo seu traballo como impulsor do Museo da Emigración Galega e da Biblioteca Galega de Bos Aires “Antonio Pérez-Prado”.
Pero a súa loita non só foi de carácter cultural senón tamén social cun compromiso activo polos emigrantes máis desfavorecidos, aqueles esquecidos que non fixeron fortuna na súa “aventura” americana. Paco Lores pelexou polo recoñecemento dunha pensión non contributiva para aqueles que se atopaban en situación económica comprometida e de emerxencia social, na procura de medicamentos ante a falla de sistemas de protección social que beneficiaran aos seus compatriotas na emigración ou na defensa do dereito a voto nos consulados españois na Arxentina para os galegos da diáspora.
Tampouco foi alleo a loita daqueles galegos, de terceira e cuarta xeración, que reivindicaban a posibilidade de solicita-la nacionalidade española ou ante a xustiza arxentina na denuncia de moitas e moitos mozos “desaparecidos” durante os anos escuros da dictadura militar. Lores Mascato compartiu conversa e debate con persoeiros da emigración galega en Bos Aires do peso do poeta Arturo Cuadrado, o escritor Lorenzo Varela, o artista plástico Luís Seoane, e tamén de representantes da cultura galega como Manuel Rivas ou o ex presidente da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero.
Paco Lores deixa moitos amigos en Bos Aires, na ría de Arousa e en toda Galicia, especialmente en Vigo onde reside o seu compañeiro Lois Pérez Leira, escritor e biógrafo da emigración galega onde non falta a figura especial deste grovense que foi quen de dar exemplo de loita e compromiso cos seus compatriotas no alén mar, ou non?

Paco Lores, un grovense en Bos Aires...

Te puede interesar