Pola independencia económica

Cando todavía están fumeantes as cinzas da última contenda electoral en Cataluña onde se atopaba como telón de fondo o concepto de soberanismo e independencia, asistimos en Galicia a unha serie de movementos tectónicos que ameazan con cambiar as nosas estruturas produtivas e tecnolóxicas. 
Refíronme, en primeiro lugar á cuestión do sector lácteo e á política dos “minimis” e á operadora telefónica e de cabo “R”. No caso dos primeiros, o problema téntase arranxar a través dun Real Decreto, que entra en vigor hoxe, e que conta cun máximo de 20 millóns de euros e establece unha axuda de 300 euros por vaca, ata un máximo de 10.000 euros por explotación láctea, para aquelas que non están cubrindo os custos de produción, e de 110 euros por animal para outras explotacións tamén afectadas por prezos baixos, pero nun nivel inferior de vulnerabilidade económica. 
Pode ser o principio dunha solución a un sector que quizais chegue tarde e sexa insuficiente, pero polo menos é algo para manter activo un dos sectores produtivos característicos de Galicia e que máis sufriron coa entrada do Estado Español na Unión Europea, xunto coa pesca e o sector naval-metalúrxico deixando en situación moi precaria ás nosas empresas estratéxicas. 
Agora, no sector tecnolóxico, asistimos a un proceso de alienación similar ao ocurrido coas caixas galegas, posteriormente NGB e agora Abanca onde a súa galeguidade trocouse nun enxendro aínda por definir, camuflado no interese do empresario por vencellarse ao mercado sobre o que se asenta para acadar os maiores beneficios posibles. 
A operadora telefónica “R”, prezada xoia de Caixanova da pasada época de Julio Fernández Gayoso, está cada vez máis alonxada da súa galeguidade e, tras socializa-las perdas na súa creación agora, cando da beneficio, véndese a un fondo investidor norteamericano que fai o seu agosto particular vendéndollo ao grupo basco Euskatel. 
Os nosos políticos, en lugar de enredarse en discusións baleiras sobre falso patrioterismo, soberanismo e independencia quizais deberían avogar máis por manter a galeguidade daquelas empresas que ocupan un lugar destacado no futuro estratéxico en sectores tan fundamentais como as novas tecnoloxías e preocuparse máis en facer país e non destruilo ou mal vendelo. Todos tiñamos que ser máis independentistas desde o punto de vista económico para poder sérmonos soberanos do noso destino e non convertirnos en man de obra barata ou nicho de consumo para os chamados “mercados”, ou non?

Pola independencia económica

Te puede interesar