Por terra, mar e aire...

A mellor ferramenta para conter a extensión da pandemia está demostrado que é o confinamento e evitar o contacto directo entre as persoas, debido á enorme capacidade de contaxio que o coronavirus ten para propagarse por tódolos ámbitos posibles. Pese ás medidas decretadas polo Goberno Central, secundadas polas autoridades autonómicas e pola  inmensa maioría da cidadanía, seguimos sorprendéndonos con casos de persoas que burlan inconscentemente a “cuarentena colectiva” para desafiar dunha maneira insensata non só as normativas gubernamentais e sanitarias senón tamén o máis mínimo sentido común e da responsabilidade.

Séguense a producir denuncias de persoas que incumpren o confinamento domiciliario, hai xente que fai a compra case que a diario, temos individuos que fan quedadas irresponsables en pisos particulares a modo de “fiestuqui rebelde” e ainda quedan establecementos hosteleiros aos que a Garda Civil ten que conminar a pecha-las súas portas.

Non é de extrañar que en Cambados se poñan en marcha sistemas de viaxancia a través de novos medios, como os drons, pensados máis ben para combatir outra das nosas plagas, a loita contra os pirómanos e os incendiarios, para nesta ocasión ter conta de que ninguén racha co confinamento por capricho irresponsable.

Parecerá inaudito, pero por desgraza para todos nós, é certo. O único xeito que temos de conter esta pandemia é desde a unidade de acción cidadá que pasa polo confinamento domiciliario e a saída o menos posible e con tódalas medidas de precaución posibles dunha persoa por familia e por cuestións de abastecemento alimentario, farmacéutico ou causa de forza maior.

Desde logo que é unha situación inédita e que para os galegos especialmente supón un sacrificio moi importante posto que estamos acostumados a socializar e a facer da saída á rúa unha das nosas rutinas máis características e habituais (xa non digo o de acudir a unha cafetería, ir de viños cos amigos, festas e romarías…), pero xa queda menos e temos que conte-la expansión do virus, en primeiro lugar, para logo poder afrontar medidas paliativas, cos afectados, e inmunolóxicas a curto e medio prazo con toda a poboación para que non se volva rexerar coa virulencia coa que o fai ata o momento.

Pese a non ter informes sanitarios precisos desde o Goberno Central sobre o pico de contaxio que se prevé para Galicia, todo parece indicar, como dixo o presidente Feijóo, que este se producirá na primeira quincena do mes de abril que estreamos polo que, agora máis que nunca, é necesario concienciarnos por todos nós, polos nosos seres queridos e polos que non o son tanto de que temos que quedar na casa, ou non?

Por terra, mar e aire...

Te puede interesar