Preludio dunha nova crise económica...?

O mes de agosto despediuse cunha cifra moi mala, en canto ao emprego se refire, para as comarcas que conforman a Ría de Arousa, Galicia e tamén o Estado Español onde non se tiñan rexistrados uns datos tan malos desde hai anos, en plena crise económica. Esta circunstancia, que soe vir dada polo emprego estacional, ven acompañada por outro elemento fundamental na economía española como é o descenso alarmante no número de turistas con respecto ao exercizo anterior, cunha baixada que ronda o 5%, sobre todo en materia de viaxeiros procedentes de mercados naturais do noso país como Alemaña, Francia ou Reino Unido.
De aí que desde O Salnés, desde hai xa varios anos, se estea a traballar desde a Mancomunidade en atopar novos nichos de mercado, desde o punto de vista turístico, fixando para elo o seu obxectivo en países do leste de Europa e Rusia, de xeito especial, con misións comerciais, presentacións en Fitur, chamando a atención das embaixadas, dos operadores turísticos, etc.
Pero tamén hai outro dato no mundo globalizado no que nos atopamos que resulta especialmente preocupante e non é outro que a mala situación que atravesan países denominados “emerxentes” que están a sufrir unha nova crise cíclica, como por exemplo Arxentina e Brasil, dous elementos que fan moi vulnerable a economía española polo nivel de investimento das nosas multinacionais neses países, sen esquecer o mundo bancario (sempre cheo de sorpresas desagradables) que ten, no caso do BBVA en Turquía unha especial preocupación polos rifirrafes entre Erdogán e Donald Trump e a involución democrática do estado otomano que pode por en serio risco a súa estabilidade económica, precisamente nun país onde a entidade crediticia española ten un dos seus principais nichos de mercado.
Xa paso por alto a situación en Venezuela, cunha inflación galopante e unha devaluación astronómica da súa moeda que, pese ao empeño de Maduro por fortalecer, está nun camiño prácticamente sin retorno que só ten como única esperanza que o mercado petrolífero e os países da OPEP acaben por botarlle unha man ao herdeiro do desaparecido Hugo Chávez, cuestión improbable pola presión que exercen os Estados Unidos.
Estando así as cousas e de novo cun goberno socialista na Moncloa a incertidume económica volve tomar protagonismo nunha sociedade como a española, especialmente golpeada pola recente crise da que foron rescatados bancos e multinacionais estratéxicas pero na que aínda seguen a paga-lo pato as clases máis desfavorecidas que corren un serio risco de emprender un camiño no que poden pasar de Guatemala a Guatepeor, ou non?

Preludio dunha nova crise económica...?

Te puede interesar