Preocupación á beira do encoro do Con

émbrome da importancia e do orgullo con que Vilagarcía acollera a noticia no ano 2004 da creación da Estación Hidrobiolóxica do Encoro do Con, co erudito Fernando Cobo ao fronte, porque non so supuña un fito o feito de que este tipo de institucións, única en España, de carácter investigativo tivera como punto neurálxico a principal cidade da Ría de Arousa senón que daba resposta, en certa medida, á vocación universitaria da capital arousá.
Este centro radicado en Vilagarcía adicábase a actividades de investigación, docencia e divulgación do avance científico​. As principais liñas de investigación enfocánbase cara ao estudo de peixes e invertebrados acuáticos e peixes migradores, o impacto da contaminación sobre os hábitats fluviais e métodos para o seu control.
De feito, estas modernas instalacións, no momento da súa inauguración, contaban cun laboratorio de análise de alto nivel, acuarios e ríos artificiais e equipo para recoller mostras. Tamén levaban a cabo actividades de docencia para estudantes universitarios de diferentes niveis e para profesionais​.
Durante varios lustros a Estación Hidrobiolóxica do Encoro do Con foi un exemplo para o achegamento dos avances científicos á sociedade e para concienciar, sobre todo, da necesidade de implicarse na conservación activa e decidida do medio natural desenvolvendo numerosas actividades e creando materiais de divulgación así como ferramentas para favorece-la participación en accións de voluntariado ambiental, así como simposios con ponentes da máis alta consideración.
A noticia da destitución de Fernando Cobo como director desta institución e mesmo as grandes dúbidas sobre a continuidade que pesan sobre este centro investigador non presaxian bos tempos para incentivar medidas que vaian encamiñadas a preserva-lo medio ambiente, a estudia-los efectos do cambio climático nas especies piscícolas continentais nin tampouco o coidado dos nosos ríos e acuíferos que cada vez se atopan sometidos a máis presión pola acción do ser humano, afondando na destrución da biodiversidade e, en consencuencia, tamén do noso futuro.
Fernando Cobo, ademais de ser un estudioso, unha persoa moi capaz e un comunicador incansable, vivía con paixón desmedida este labor investigador que, dalgún xeito, contaxiaba non só aos seus colaboradores e alumnos senón tamén a todo aquel que tivera a honra de falar con el sobre estes temas que domina á perfección.
Despois do confinamento, falabamos de que a sociedade ten a obriga de reflexionar, de mellora-lo seu rumbo e comportamento, as veces autodestructivo, e de favorecer outras fórmulas de relación entre o ser humano e a natureza a cal hai que coñecer e respectar para que podamos vivir en harmonía para deixar ás novas xeracións o inmenso patrimonio natural, do que dispomos, en mellores condicións que nas que o recibimos, pero parece que as decisións que se toman, que as súas razóns terán, non apuntan cara un futuro esperanzador neste sentido, ou non?

Preocupación á beira do encoro do Con

Te puede interesar