Lunes 19.11.2018

O pseudodebate

Ás veces os férreos aparatos de partido

Ás veces os férreos aparatos de partido e os cotizados equipos de campaña, “coach”, etc. arruinan por completo os debates electorais impedindo incluso, nalgúns casos, que os seus patrocinados brilen con luz propia, encorsetados por un modelo de funcionamento dos mesmos que os fan, cando menos, inútiles ou faltos de interese para o público en xeral.
Descoñezo o índice de audiencia do debate electoral do luns na TVG con Feijóo como principal actor frente aos aspirantes Leiceaga, Villares, Pontón e Losada; pero do que si estou seguro é de que a medida que avanzaba o tempo o público íase desencantando no tocante a esperar ver unha confrontación clara de ideas, argumentos e, por que non dicilo, un corpo a corpo san entre dous ou varios candidatos.
Esta idea de controlar prácticamente todo o desenrolo do debate, con tempos supertaxados e sin prácticamente interrupcións entre os contertulios converteu unha ocasión bárbara para despexar diferentes incógnitas nunha autoafirmación de posicións da que ninguén se moveu.
Feijóo estivo cómodo, incluso se envalentonou de mais e chegou a interrumpir en varias ocasión, sobre todo, a Leiceaga que demostrou que o cara a cara co líder do PPdeG non é o seu e o discurso ilusionante dunha nova política non foi suficientemente acompañada por unha posta en escea onde a linguaxe corporal acompasara ao seu discurso.
Villares estivo, ao principio, timorato. Presentouse ao estilo “Ola son Edu! Feliz Nadal!”, pero logo foi collendo folgos. Notouse a súa inexperiencia aínda que me sorprendeu que en materia non xulgada se atrevera a facer graves aseveracións que botaban por terra calquera respecto á presunción de inocencia. Si algún xornalista tivera a mesma osadía sobre algún caso que estivera substanciando el no seu xulgado seguro que non tería reparo algún en darlle o correspondente toque de atención.
Ana Pontón foi a máis didáctica, incisiva e mediática. Os seus xestos acompañaron á intensidade e a paixón do seu discurso e polarizou a atención da audiencia xunto ao presidente en funcións, Núñez Feijóo.
En canto a Cristina Losada, non hai palabras. Ou máis ben si. Recurrirei á sabedoría dun dos pensadores da nosa época recente, Jesulín de Ubrique, e direi aquelo de, en dúas palabras: “Im-presionante”.
Polo demais, asistimos a un xogo baseado na marcaxe en zona onde todo o mundo procurou non arriscar para non saír trasquilado. Obxectivo conseguido para Feijóo, que saiu vivo, mentras que na esquerda Leiceaga, Villares e Pontón tentaron reclamar para si a hipotética hexemonía do goberno de alternativa ao PP, ou non?

O pseudodebate
Comentarios