QUEN MIRA POR CORTEGADA?

Nos últimos días púxose de actualidade de novo a illa de Cortegada, unha porción de terra situada fronte a Carril, xusto na desembocadura do río Ulla. Porta natural de acceso á Ruta Xacobea do Mar de Arousa por onde subiron hai xa moitos séculos os primeiros vikingos que chegaron ata Catoira na procura do saqueo de Compostela. Lémbrome, cómo si fora hoxe, do día en que Diario de Arousa recolleu na súa portada aquela magnífica foto na que aparecía o finado de Xosé Cuíña, fillo adoptivo de Vilagarcía de Arousa entre outras moitas cousas, ex golfiño (delfín en castelán, na súa acepción referida a “herdeiro natural”) de Manuel Fraga e conselleiro da todopoderosa Cotop daquela época, cando daba un significativo e propagandístico salto (o “Fillo do Muiñeiro” era un crack na procura da instatánea mediática…) desde a embarcación que o trasladou desde o porto de Carril ata Cortegada para realizar a toma simbólica da illa “en nome, por e para tódolos cidadáns galegos”. Como digo, pasaron anos daquela imaxe que aínda gardamos moitos na retina e vemos que Cortegada segue estando nun auténtico purgatorio da que non acaba de ser redimida. Deixemos atrás a súa azarosa historia ligada aos intereses especuladores da coroa española e o tan perigoso vício arousán de querer gabar ao poderoso e centrémonos na súa situación actual: Parte do Parque Natural das Illas Atlánticas, co maior bosque de loureiros de Europa e nunhas condicións de accesibilidade e de protección medioambiental moi cuestionadas. Agora quérese resucitar a vella plataforma cidadá na defensa de Cortegada cun contido máis actual baseada na loita contra o abandono e a prevención de incendios… Non me parece mal, pero creo que debemos aspirar a algo máis. Antes da maldita crise (parece que foi hai moitos anos, pero non tantos…) falábase de proxectos medioambientais para poñer a illa en valor, favorecer a investigación dos seus restos arqueolóxicos e incluso facilitar o coñecemento por parte da cidadanía que, pese a ter esta porción de terra a escasos metros do seu nariz, nunca tivo a ocasión de coñecer en profundidade e polo miudo este rico patrimonio natural e histórico que posúe Carril, Vilagarcía e, por extensión, Galicia enteira. Desde logo os tempos mudaron e a concepción sobre como se debe administrar o investimento público tamén, pero si non se aposta con claridade por un elemento tan fundamental como a Illa de Cortegada nunca chegaremos a entender nada, ou non?

QUEN MIRA POR CORTEGADA?

Te puede interesar