A quen votará Cornelia?

Na recta final desta interminable campaña electoral para as autonómicas irrumpe un feito que desperta o interese científico e tamén a imaxinación ocurrente do típico grupo de amigos inxeniosos que se xunta nos seráns a disfrutar das terrazas na zona da Baldosa e aledaños, en Vilagarcía, estirando coas súas tertulias esta temporada estival que se resiste a abandonarnos.
Neste caso irrumpe en tódalas conversas a recén descuberta “Cornelia”, unha muller que viviu, faleceu e foi soterrada hai máis de 2.000 anos na Lanzada, de Sanxenxo (está en Noalla), e que agora saiu á luz grazas a un proxecto de escavación que está a levar a cabo a Deputación.
Nesas tertulias das terrazas xa houbo quen avanzou que o alcalde de Vilanova de Arousa e presidente da Mancomunidade do Salnés, Gonzalo Durán, amante da historiografía e home de rápidos reflexos, está recabando datos coa intención de, aproveitando que están pola comarca os touroperadores rusos, irmandar á nosa “Cornelia” co “Homo Altaiensis”, aparecido na cova siberiana de Denísova, alá polo ano 1977 e cuxa datación está nos 300.000-400.000 anos antes da nosa era.
Na mesma mesa xa houbo quen, erguendo unha copa de albariño, desbotou a idea por considerar a diferencia de idade un inconvinte insalvable para maridar ámbolos dous achádegos por moi atractivo que pudera resultar desde o punto de vista mediático e da prensa do corazón pero, segundo dixo o contertulio, “o que non pode ser, non pode ser e, ademais, é imposible”. A diferencia xeracional neste tipo de enlaces soe ser determinante para desaconsellar calquera enlace, asegurou.
Poucas mesas máis adiante, a discusión xiraba en torno á papeleta que escollería “Cornelia” o vindeiro domingo no caso hipotético de que pudera votar. Ao parecer, “Cornelia” trátase dunha moza lozana, atlética, ben formada, coa cabeza ben amoblada e en plenas facultades físicas e mentais para, no caso de que fora posible, poder votar.
Uns dicían que votaría ao PP pola súa moderación, experiencia e capacidade para xestionar situacións difíciles e de inestabilidade. Outros, apostaban porque se decantaría polo PSdeG-PSOE, polo seu estilismo e altura de miras, sen esquecer a súa condición de muller do seu tempo comprometida coa solidariedade da súa tribu. Tamén houbo quen reivindicou o carácter nacional do seu achádego e reclamou a súa simpatía polo BNG como opción clara de defensa dos intereses do país. Estándo así as cousas un apostillou que tamén era unha “cidadá do mundo” que apareceu na “ribeira” polo que tamén podería formar parte do patrimonio de Cidadáns. Para rematar a discusión, chegou o camareiro que tropezou na pata dunha silla mal colocada, tirou co todo e dixo: “Perdón, e que estou algo mareado”, ante o que un contertulio que ata o momento estivera calado exclamou: Xa sei! Si apareceu na praia da Lanzada é de Marea, ou non?

A quen votará Cornelia?

Te puede interesar