Ravella ao rescate do vello Casino de Vilagarcía

ontemplo con preocupación, e por outra banda con certo alivio, o feito de que estean moi avanzadas as negociacións entre o Concello de Vilagarcía e os responsables concursais do Liceo-Casino para adquirir os emblemáticos locais desta sociedade arousá na céntrica rúa Castelao para que forme parte, dun xeito definitivo, do patrimonio municipal de tódolos vilagarciáns.
Gardo con moito agarimo lembranzas desta institución da que formei parte como socio despois da súa fusión e da que tamén formaban parte, naquela época, máis de 2.000 veciños e veciñas de Vilagarcía. Alá quedan aqueles anos de esplendor e aqueles proxectos ambiciosos, tra-la “unidade”, para coller folgos de cara a unha expansión definitiva tendo como obxectivo, tra-lo desaparecido pavillón do antigo Liceo Marítimo, a adquisición de novos terreos para conformar unha especie de “Cidade Deportiva” que lonxe de se converter na solución definitiva para esta modélica entidade vilagarcía acabo por ser parte do inicio da súa ruína e condea.
Vivín, xa desde a distancia, as noticias dos enfrontamentos internos fatricidas entre as distintas candidaturas e directivas que se foron formando ao longo dos anos e, sin querer entrar na búsqueda de culpables, si teño que dicir que todos foron responsables do camiño cara ao abismo no que se posicionou esta entidade que foi motivo de orgullo e emblema asociativo do vilagarcianismo do último tercio do século pasado e principios do que estamos.
Lémbrome con cariño da primeira Gala dos Premios Arousáns do Ano, que se celebrou nos salóns do Casino na rúa Castelao, onde se galardou ao xuiz Vázquez Taín como expresión colectiva dun pobo que se rebelaba contra o narcotráfico e quería recoñecer a través da súa persoa a todas aqueles profesionais valentes comprometidos coa loita contra a droga. Foron tempos moi intensos e emotivos para min.
Por eso, pensar que o emblemático edificio do vello Casino, logo da fusión pasou a chamarse Liceo-Casino, podería acabar sendo vítima da especulación urbanística ou, peor, convertirse nunha ruína; alégrome que desde Ravella se deran os pasos necesarios para que permaneza non so como memoria colectiva dun pobo senón que pase a ser patrimonio inventariado das e dos vilagarciáns a través da adquisición por parte da Corporación Municipal mantendo o seu uso público.

Moitos edificios se teñen perdido xa en Vilagarcía ao longo das pasadas décadas polo desarrollismo mal entendido, pola especulación urbanística, polo desinterese… como para que agora o vello Casino, erguido polos vilagarciáns, deixe de ser unha referencia lúdico-recreativa en pleno corazón da nosa vila, ou non?

Ravella ao rescate do vello Casino de Vilagarcía

Te puede interesar