Os referendos cargaos o Diaño…

Aparentemente as cousas no mundo van mudando. Non sei si para ben ou para mal. Quizais máis para o segundo pero igual que para gustos se pintan cores, neste tema hai infinidade de opinións. Así, antes do nacemento do 15-M no Estado Español e a situación de desencanto que percorre Europa enteira, e tamén os Estados Unidos, cando un gobernante convocaba un referendo este era sempre para gañalo.
En España temos a experiencia dos anos 80 cando o PSOE de Felipe González pasou de falar daquelo de “OTAN de entrada non” que logo se traduciu no de “saída tampouco”, cun referendo convocado e gañado ao mellor estilo felipista para os abandeirados da Alianza Atlántica entre os que estaba, despois de ser elexido, o propio tándem González-Guerra.
Agora asistimos a unha nova situación derivada do exceso de confianza dos dirixentes políticos do momento que consideran que ante o mero feito de convocar un plebiscito a masa social se volve cara aos seus intereses cando, en realidade, é que moitas veces este mecanismo de participación cidadá dá como resultado a expresión en urna dun cabreo xeralizado que acaba por facer que triunfe na consulta a posición contraria ao convocante.
Vimos o que pasou en Gran Bretaña co manido “Brexit”, noutros países europeos con consultas populares e agora tamén en Italia onde o primeiro ministro Matteo Renzi, posto a dedo pola Unión Europea e os mercados, caeuse de bruces ante unha realidade incontestable que, nunha porcentaxe do 60 % do electorado participante, deulle un sonoro “non” que provocou a súa dimisión irrevocable e unha nova inestabilidade política en Italia.
Ou unha de dúas, hai un exceso de confianza nos convocantes ou cada vez é maior a insensibilidade de quen nos goberna que fai que o abismo existente entre o poder e os cidadáns sexa de tamaña profundidade que non se atisbe a adiviñar por onde vai o sentir popular.
De feito, ao albur do que está a pasar, hai xa algún detractor do “dereito a decidir” de Cataluña que está mudando de opinión e valorando que, ao mellor, non é mala idea que se lle deixe á Generalitat celebrar o reclamado referendo por aquelo de seguir coa tónica existente e, en lugar de sair na votación un “sí” á independencia, acabe sucedendo todo o contrario porque é ben sabido que, últimamente, os referendos cárgaos o Diaño, ou non?

Os referendos cargaos o Diaño…

Te puede interesar