Sábado 17.11.2018

O retorno da razón...

A medida que a lenta Xustiza se vai pronunciando a través de sentenzas vaise impoñendo

A medida que a lenta Xustiza se vai pronunciando a través de sentenzas vaise impoñendo o sentido común na cuestión referida aos emigrantes retornados que mantiñan un litixio coa Axencia Tributaria, con Facenda para entendernos, por mor das pensións que estaban a cobrar por ter traballado noutro país estranxeiro, como por exemplo Alemaña, e obrigábannos a tributar, multa incluída, por non telo feito ao considerar eles (e a moitos así llo tiñan dito) que non tiñan que facelo porque xa se lle aplicaba a convinte retención nos lugares de onde procedían os seus subsidios.
Anos de angustias e quebradeiros de cabeza tiveron que pasar para que comecen a saír agora as resolucións xudiciais que, como no caso daqueles que traballaron en Alemaña, vense respaldados xurídicamente para recuperar o que Facenda lles reclamou inxustamente.
Ao meu entender o malo non foi só ter que pagar esas cantidades, que en moitos casos ao ser acumuladas dos últimos catro anos e incluso contar con sanción resultaban unha losa importante para os afectados, senón o xeito de facelo, unilateral e cun afán recadatorio desorbitado argumentando que era parte da “loita contra a fraude” que se estaba a cometer no noso país en temos de crise.
A verdade é que moitos traballadores que tiveron que emigrar e que co seu esforzo e aforro poideron sacar adiante á súa familia (a de fóra e a que residía en Galicia) e beneficiaron co envío de divisas á economía española se viran agora tan mal tratados e metidos no mesmo saco que os grandes defraudadores das “sicav”, das contas en Suiza ou en Panamá cando non tiñan nada que ver con eles.
Pero o tesón reivindicativo dos emigrantes galegos retornados, similar ao esforzo que durante anos tiveron que levar tamén os afectados polas preferentes, estalles a dar a razón (xa a tiñan, faltaba que lla certificara a Xustiza) demostrando que unha sociedade organizada é quen de se defender ante as inxustizas. Atrás van quedando os anos de angustia, de sufrimento e de enfado, que tamén o houbo, por mor dun interese en desviar cara aos nosos emigrantes o foco que debería apuntar cara aos grandes defraudadores, que son os que realmente arruínan ao país e que aproveitan calquera resquicio legal para eludir o seu compromiso cos demais demostrando que a ambición desmedida non ten paraxe. Máis vale tarde que nunca, pero ás veces a Xustiza, por facerse agardar parece menos xusta, ou non?

O retorno da razón...
Comentarios