#RíasBaixasEn Casa, un retorno á venda directa

Asistimos nestes días ao grande ensaio da desescalada económica coa abertura do pequeno comercio e tamén das tan demandadas perruquerías, establecementos que, nun primeiro momento, o Goberno englobaba nas actividades de carácter esencial, pero que a día de hoxe están tan marcadas polas restricións do Estado de Alarma sanitaria que converten en auténticos valentes aos propietarios destes negocios que se deciden a reabrir nestas condicións.

Outro sector que está reinventándose para poder saír adiante do “turmix” na que se está a converte-la nosa economía, por mor das restricións derivadas do coronavirus, é o vitivinícola que ve como avanza o ano sen poder dar unha saída natural e satisfactoria ás botellas de viño que se acumulan nas adegas sen poder entrar no chamado “Canal Horeca” (hostalería, restaurantes e cafeterías) que, normalmente, absorbe o 54 % da produción arousá.

A necesidade de abrir novos camiños está incentivando que se exploren outras vías a través de internet para poder chegar ao cliente finalista que bota en falla o acceso normal e regulado ás distintas marcas do amplo espectro que conforma a Denominación de Orixe Rías Baixas.

Así, desde o Consello Regulador estase pondo en marcha unha campaña que, baixo o hashtag xenérico #RíasBaixasEnCasa, pretende chegar a través de internet e polo servizo de venda a domicilio un xeito de mitiga-los previsibles malos resultados cando estamos a piques de comezar a temporada alta, o verán, que se presenta dun xeito moi incerto.

A aposta dos últimos anos polas cadeas e os grandes operadores deixou un pouco a descuberto a venda tradicional directa sacrificando a venda minoritaria pola comodidade das grandes distribuidoras que agora non atopan un circuíto axeitado para recolocar o stock esistente co conseguinte atranco para os intereses das adegas que ven como os seus almacéns seguen cheos coa nova colleita a piques de se presentar.

Mentres o canal Horeca (hostalería, restaurantes e cafeterías) siga pechado máis difícil será que o sector acade as previsións económicas trazadas para este ano e que se viron empañadas pola pandemia mundial, sobre todo porque o sector hostaleiro parece que nos plans do Goberno ocupa un dos últimos lugares no proceso de desescalada que, de xeito impreciso e dubitativo, está comezando a levarse a cabo no noso país.

Unha das ensinanzas desta pandemia para o sector vitivinícola parece que vai estar relacionada co erro consistente na perda do control sobre a entrega final do produto en beneficio da cesión feita ás distribuidoras dunha parte fundamental e vital do seu negocio, ou non? 

#RíasBaixasEn Casa, un retorno á venda directa

Te puede interesar