O Ribadumia ante o torneo o KO

O destino quixo que o Cádiz unira a súa sorte á do Ribadumia na Copa do Rei de fútbol, un torneo no que os grandes non se poden fiar dos máis modestos porque poden saír trasquilados. Esta competición do KO está marcada por grandes xestas de equipos humildes que deron a talla e fixeron grande este deporte moito máis alá dos conxuntos millonarios que alinean nas súas ringleiras estrelas mediáticas do mundo do balompé.

Se temos en conta que en Vilagarcía foi o primeiro lugar da península ibérica, con permiso de Riotinto (Huelva), onde se xogou ao fútbol por primeira vez na historia de España (hai quen asocia este discutido fito coas habituais recaladas da Armada Inglesa en Arousa ou na escalada dalgún barco británico de finais do século XIX no porto vilagarcián) estamos agora de novo ante un momento histórico marcado pola práctica do fútbol e que ten como protagonista a outro equipo arousán, nesta caso ao Ribadumia que dun xeito fulgurante estase a converter nun auténtico “mataxigantes” e ameaza con dar a badalada do ano e derrotar a todo un equipo de Primeira División, como é o Cádiz, nos enfrontamentos determinados polo sorteo da nova fase da Copa do Rei.

Neste ano tan atípico, marcado polas restricións pola pandemia do Covid-19, podemos acudir a un novo episodio no que David saia gañador do seu duelo fronte a Goliath e, se non fora así, que lle quiten aos do Ribadumia o “bailao”.

As grandezas do deporte e do polémico mundo do balompé ten agochadas sorpresas que, como no caso do Ribadumia, pode ser unha realidade da que todos nos sentiríamos moi orgullosos (en primeiro lugar o presidente da Federación Galega de Fútbol, o ribadumiense Rafael Louzán) ao ver como un equipo da comarca se codea cun dos históricos do fútbol español e, por que non, como reza o vello dito: “Ata o rabo todo é touro” e, como dicía antes, esta competición está caracterizada polas sorpresas dos modestos fronte aos grandes consagrados, de xestas onde a “tartaruga” do traballo constante, do esforzo e do sacrificio, acaba dando os seus froitos. Torres máis grandes xa teñen caído. Quen sabe se non podemos ver unha final da Copa do Rei cun equipo arousán como protagonista? O soñar non ten cancelas, ou non?

O Ribadumia ante o torneo o KO

Te puede interesar