O Salnés perde peso específico no escenario político?

os últimos tempos vense escoitando nos ambientes políticos e sociais da comarca do Salnés un pequeno ruído que vai aumentando paulatinamente camiño de se converter en enxordecedor, nas dúas vertentes: Por unha banda, porque parece que non acaba de ser escoitado no ámbito ao que vai dirixido e, pola outra, porque medra de tal xeito que non o escoita quen é xordo ou non o quere oír.
Refírome ao sentimento nostálxico que se está a apoderar dos militantes e cadros intermedios do Partido Popular na comarca do Salnés, que se ven inmersos nunha especie de círculo vicioso, ao estilo de pescada que morde a cola, onde non acaba de atopar unha saída digna. Explícome: O PPdeG pasou nestas terras arousás de se-lo principal graneiro de votos na provincia e gobernar en 7 dos 9 concellos da bisbarra a unha situación totalmente oposta, é dicir, a ter alcaldía en tan so 2 concellos (3 se contamos a Meaño).
Que conleva isto? Pois unha baixa presenza política de persoeiros do Salnés nos centros de poder ou de decisión que se traduce en menor peso político da comarca para demandar presenza en postos de saída na configuración das listas a entidades de representación popular de índole superior como o Congreso, o Senado e mesmo o Parlamento de Galicia. Así, como non se obteñen bos resultados, non se ocupan postos de relevancia, como non se teñen persoas influíntes nos órganos de representación non se recupera a confianza do electorado, e así sucesivamente… nunha espiral sen retorno aparente.
A tendencia das principais forzas políticas, agás problemas de índole interno (axuste de contas, desercións e cambios de partido por aparición doutros novos, excisións, etc.) é conserva-las mesmas listas electorais dos últimos comicios xerais. Ben.
No caso do PPdeG, a marcha de Ana Pastor a Madrid como número 2 de Casado (ademais de ser un intento de escenificar o seu xiro ao centro e recuperar a herdanza desprezada no seu día de Rajoy) abría unha posibilidade para recoloca-la lista na provincia de Pontevedra onde a vilagarcía Elena Suárez figuraba, nun primeiro momento, como número 3 (quedara ás portas de entrar no Congreso) perdeu posición para ocupar o 4º lugar, con escasas posibilidades de ser elixida. Agora, a aposta parece ir orientada cara dous obxectivos: Pontevedra e arredores (María Ramallo, alcaldesa de Marín) e Vigo e a súa área de influencia (Diego Gago e Javier Bas, ex alcalde de Redondela) xa que hai quen di que alí é onde están os votos.
No senado, Aragunde non vai, e tampouco ningún outro candidato da comarca como era tradición… (o PSOE mantén a Modesto Pose como cabeza de cartel), resucitando aquel vello modelo arriscado de pensar que os votos estan so nas grandes cidades, que son o embigo do mundo, porque aínda que alguén pense o contrario a periferia tamén existe, ou non?

O Salnés perde peso específico no escenario político?

Te puede interesar