Sánchez e os fieis difuntos…

Ninguén lle pode negar a Mariano Rajoy a capacidade de éxito que ten o seu método de deixarse ir para que a inercia propia dos feitos e os acontecementos vaia cadrando todo de tal xeito que o resultado sexa, como di el, o máis previsible.
E así foi. Mariano Rajoy foi reelexido presidente do Goberno do Estado Español con 170 votos a favor e a abstención de casi tódolos deputados do PSOE, incluida a do ex secretario xeral do PSOE que o fixo en diferido coa súa demisión como deputado; a única saída que lle quedou tanto por dignidade como polo arrinconamento ao que lle tiña sometido a xestora do seu partido, máis comprometida coa vontade da Unión Europea e os, agora, chamados “mercados” que coa opinión dos militantes de base.
Presto acudiu Pedro Sánchez a un programa de televisión, “Salvados”, para laiarse e promulgar aos catro ventos a súa decisión de emprender, desde xa, unha nova cruzada para recuperar o poder, percorrendo toda España no seu coche particular.
Este anuncio, provocou a perspicaz e oportuna pregunta do xornalista Jordi Évole:  “Empezará o seu periplo este luns?”, ante o cal o ex dirixente socialista, matinou, dubidou e despois de meditar moito a súa resposta dixo: “En canto me sexa posible”.
Normal para calquera español e máis concretamente unha persoa con pasado e vocación de servizo público na política onde o seu habitual sentido de estado e de respecto polas tradicións lle impide traballar na ponte de Tódolos Santos e dos Fieis Difuntos, datas de especial significación para o ex secretario socialista.
Lembremos que o Día de Tódolos Santos e o dos Santos Difuntos institucionalizáronse pola Igrexa Católica para honrar a memoria daquelas persoas falecidas que, tendo superado o purgatorio, santificáronse totalmente, obtiveron a visión beatífica e gozan da vida eterna na presenza de Deus.
Así que, a modo de alegoría, Pedro Sánchez, estaría nunha situación de vixilia diante das bases do seu partido, nunha especie de limbo político, próximo ao purgatorio, expiando as súas penas mentras implora con mil pregarias a chegada do seu advenimento nun congreso federal, a convocar canto antes, que acabe na súa ansiada proclamación como novo mesías que saiba guiar ao PSOE nun difícil e previsible camiño de predicamento polo deserto político que, de seguro, prolongarase por un tempo superior a cuarenta días e cuarenta noites, ou non?  

Sánchez e os fieis difuntos…

Te puede interesar