Santa Rita e os retornados

Estes días Vilagarcía ven de honrar á súa patroa, Santa Rita, con toda unha serie de festexos e actos lúdicos e relixiosos como marca a tradición. Se o luns procesionaron polas céntricas rúas da capital arousá os devotos desta santa, onte percorreron as rúas da Perla de Arousa os emigrantes galegos retornados aos que Facenda segue a reclamarlles o pagamento de impostos e multas por non ter declarado no seu momento uns ingresos paupérrimos procedentes das pensións gañadas co suor do seu sacrificio alén das nosas fronteiras.
Curioso resulta que tódolos resortes coercitivos do Estado para perseguir “esta fraude” funcionen á perfección cunha disciplinada e coordinada actuación levada a cabo por avezados inspectores que someten a un “cacheo fiscal” ao modesto emigrante que pouco ou nada entende do papeleo cando ten que realizar a súa declaración da renda e que, incluso en moitos casos, cando solicita asesoría legal sobre o tema contéstalle erroneamente que non ten obriga de declaralo polo escaso montante que representa ou porque xa ten tributado no país de orixe desa retribución.
Non se trata de facer un chiste doado e aplicar a este caso o vello dito de “Santa Rita, Rita o que se dá non se quita…” e non digo que os que teñan obriga de tributar non o fagan, pero tampouco sería descabelado propor que se habiliten fórmulas que exoneren á gran maioría dos afectados non só de ter que facer efectivas unhas multas excesivas senón incluso do deber de tributar por unhas pensións mínimas e, sobre todo, despois de catro ou cinco anos de telas percibido e cos cartos xa dispostos para atender diversos menesteres e urxencias domésticas.
En fin, que a uns aplícaselle todo o peso da lei e a outros, os auténticos defraudadores, os que teñen cartos para pagar inxenierías financeiras para evitar a acción do fisco, para eses, invéntanse amnistías fiscais, “sicavs” ou o que faga falla para evitar unha “espantada total” do capital cara outros nichos de mercado máis permisivos desde o punto de vista da presión fiscal como si o capital entendera de patrias e da moral.
O caso é que, como cando pasou no tema das preferentes, aos humildes só lles queda o dereito ao pataleo e atopar a solidariedade da sociedade e tamén dos representantes públicos. Esta sensibilidade na clase política vai proporcionalmente ligada á proximidade dalgunha convocatoria electoral e, agás honrosas excepcións, ninguén se molla nun tema como este, ou non?

Santa Rita e os retornados

Te puede interesar