Santiago Iglesias, bo e xeneroso...

Anoticia de que este sábado se rendirá homenaxe a Santiago Iglesias Pedrido como Fillo Adoptivo de Vilagarcía, a título póstumo, xera en min gratos recordos que me retrotraen aos inicios desta intrépida singladura informativa protagonizada por Diario de Arousa. Unha das primeiras persoas que se interesou polo nacemento deste xornal e que o apoiou desde os seus inicios aportando o seu gran de area foi precisamente esta persoa que sera homenaxeada o 24 de febreiro pola Corporación Municipal.
Iglesias, de orixe humilde e de formación autodidacta, soubo desde a modestia, o traballo e a honradez, gañarse un sitio privilexiado na memoria colectiva da Vilagarcía dos últimos anos do século XX e comezos do actual. Coa súa habitual bonhomía e sensibilidade, Santiago Iglesias soubo estar sempre nos momentos difíciles ao lado das causas xustas impulsando desde a discreción e o silencio moitas accións solidarias a través de entidades benéficas con especial referencia a Cáritas Interparroquial de  Arousa e, sobre todo, á Fundación Amigos de Galicia.
Don Santiago nunca esqueceu as súas orixes humildes e o difícil que resultan os inicios para calquera persoa e, sobre todo, para calquera emprendedor. Era un dos últimos representantes daquel tipo de empresario, con maiúsculas, que fixo honor á súa vocación de facer grande e solvente un negocio empeñando o seu nome como respaldo de fiabilidade dun servizo, dunha marca.
Referirse en Arousa,… que digo en Arousa, en Galicia, ao Grupo Junquera era falar de Santiago Iglesias, é dicir, de seriedade, de garantía e de profesionalidade. Ninguén discutía eso nin tampouco a súa calidade humana, a súa aposta pola cultura, polo deporte, polas causas xustas e pola defensa da imaxe de Vilagarcía e da comarca alí onde estivera como un auténtico embaixador de luxo da Arousa emprendedora, sacrificada e sin ataduras, con valentía e incluso audacia.
Lémbrome do ano 2004, cando era director-fundador de Diario de Arousa e o xurado dos premios “Arousáns do Ano” decidiu concederlle ao Grupo Junquera e a Santiago Iglesias o galardón na categoría de Economía.  Para min fora unha honra o terllo que comunicar e cando se me puxo ao teléfono, coa súa humildade habitual, agradeceu a distinción e díxome con sinceridade: “Non habería outro mellor para recibilo?”. E a min fíxome gracia que un empresario da talla de Don Santiago seguira conservando a súa modestia, a humildade dun home bo e xeneroso, un Fillo Adoptivo, por non dicir predilecto, de Vilagarcía, a perla de Arousa, ou non?

Santiago Iglesias, bo e xeneroso...

Te puede interesar