SOLIDARIEDADE PREFERENTE...

Sin querer caer no “buenismo” nin na “candidez” penso que nas situacións de especial dificultade é cando no ser humano agroma unha das súas características que o diferencian de calquera outra especie terrestre: a solidariedade. Hai quen di que esa cualidade é máis común cando máis perigan os intereses colectivos ou individuais do ser humano pero, nembargantes, eu creo que non é de todo así xa que considero que, no fondo, hai unha forza aglutinadora e incluso mobilizadora que fai que as persoas busquen, dun xeito gregario, a unión natural da xente para superar momentos de dificultade. 
Agora está percorrendo toda a xeografía arousá un regueiro de mobilización solidaria cos colectivos afectados pola “non nata” Lei de Acuicultura que remove conciencias de todo o país e incluso dos dirixentes locais do PPdeG que comprenderon que por ese camiño, que rozaba a imposición, non tiña moito sentido seguir para aprobar unha normativa que vai determinar o futuro dun sector tan importante e estratéxico como o do marisqueo e o bateeiro, fundamentalmente.
Para reforzar este plantexamento só hai que contemplar a última decisión tomada polos membros da plataforma de afectados polas preferentes que acordaron destinar preto de 20.000 euros dos seus fondos para facer fronte ás multas polas súas mobilizacións (outra das “utilidades” da Lei Mordaza) a cuestións de carácter social extendendo dun xeito indirecto a solidariedade anónima recibida cara outras persoas que estean en situación de merecer a atención debida e que o estado do benestar non respalda sun xeito axeitado.
A causa das preferentes, unha das moitas e máis inxustas das que se teñen noticia recente, levantou non só a simpatía senón a solidariedade activa da sociedade que dun xeito empático veía aos atrapados polo interese desmedido das entidades bancarias, máis preocupadas polos seus resultados e tapar os buracos da burbulla financeira que de servir á confianza depositada polos aforradores no xestor bancario, como unha vítima inxusta e inxustificable que se veía arrastrada por unha sorte de tropelías cometidas por individuos que recibían indemnizacións e xubilacións millonarias por unha xestión nefasta e seudofraudulenta.
En fin, que non todo está perdido e cando falamos da modernidade e da sociedade do futuro non podemos esquecer de que no ADN do ser humano, afortunadamente, segue a estar presente o xen da solidariedade dando sentido a aquel vello dito de “hoxe por ti e maña por min”, ou non?.
 

SOLIDARIEDADE PREFERENTE...

Te puede interesar