O SUBMARINO DE TELMO...

Moitos e grandes políticos ten dado a comarca de O Salnés. Un deles, pola súa altura de miras e tamén de estatura e porte físico, é Telmo Martín quen aparece na wikipedia definido como “político e empresario” ao que eu engadiría “experimentado lobo de mar”.
A raíz da saída de Roberto Agís (Sanxenxo Pode) do goberno cuatripartito, pola borda e sin salvavidas, Telmo Martín apresurouse a dar unha rolda de prensa, con gran sentido de estado, definindo ao seu concello de adopción como “un gran trasatlántico que navega en augas de baixo calado”, ou algo así. Non podemos dicir que Telmo sexa Leonardo Dicaprio emulando ao Titanic, pero hai que recoñecer que pese á súa idade, está de moi ben ver…
Pero volvamos ao tema. Telmo Martín fixo unha posta de escena ao grande, como lle gusta a el, e citou á prensa na sede provincial do PPdeG, en Pontevedra, para transmitir unha mensaxe de calma ante a procelosa travesía que lle augurou a un, agora, tripartito no mar revolto da política local. Facendo gala dunha elegante flema inglesa chegou a afirmar con rotundidade que si algo pasa, alí está el para o que faga falla.
Lembrou en varias ocasións da súa curta intervención, de apenas 10 minutos, que non estaba a pensar nunha moción de censura, pero insinuou que para gobernar un transatlántico como o Concello de Sanxenxo fai falla experiencia e non so un mero carné de grumete (iso é unha interpretación da miña colleita…).
Eso sí, apoiará o que considere necesario para garantir o futuro e a defensa dos intereses dos cidadáns… Bravo! Unha declaración impecable. De manual, de “gentleman” político. Moi alonxado daquel vello cantar de “mi carro me lo robaron, anoche mientras dormía…” que se escoitaba na noite electoral e máis tras a sesión de investidura.
Ben pensado, a verdade é que Telmo cun gorro de plato e unha pipa nos beizos parece máis un vello lobo de mar, un capitán dos famosos “U-boot” alemáns da Segunda Guerra Mundial que patrullaban os océanos na procura daqueles transatlánticos, transformados en mercantes de transporte de tropas e subministros, agardando a néboa da noite para lanzar o seu certeiro ataque con consecuencias irremediables.
Sempre se dixo que cando a mar está revolta hai gañancia de pescadores. Terá esto algo que ver con que a marea na banda do PSOE local non está precisamente en calma e que unha suposta retirada da voceira actual, digamos por motivos persoais ou de saúde, se podería abrir unha porta ao lado oscuro da vinganza servida en prato frío? Non creo, é máis política-ficción, ou non?

O SUBMARINO DE TELMO...

Te puede interesar