Tambores de guerra en Vilanova

Vivimos estes días momentos políticos convulsos e non me refiro só ao que está a pasar en Portugal, con esa moción de censura que fixo do último goberno de Passos Coelho o executivo máis efímero (con apenas 11 días de mandato) da democracia lusa; nin tampouco ao lío que se está a producir por mor da aprobación da declaración de “desconexión democrática” por parte dos partidos soberanistas que conforman o Parlament de Cataluña, senón aos últimos acontecementos que teñen a Vilanova de Arousa, e máis concretamente, á construción do auditorio na vella Casa de Cultura do Esteiro.
Parecera que últimamente o estilo que impera na relación entre os distintos responsables políticos no noso país estea baseado nunha ausencia total de diálogo institucional, buscando o encastillamento das partes intervintes como forma de comportamento habitual á hora de rexir o xeito de dirixir os distintos entes ou institucións de representación pública dos cidadáns.
Non se trata de invocar aquí o tan manido “espírito da Transición”, pero quizais habería que impoñer o sentido común á hora de levar á práctica calquera posicionamento político. Tan difícil resulta sentarse, dialogar, confrontar puntos de vista e atopar un consenso ou un punto de equilibrio?
Pois debe ser misión imposible. Ademais, o procedemento en tódolos casos é sempre o mesmo: Diálogo de sordos, proclamas incendiarias, amenazas veladas ou explíticas, xudicialización do proceso e a confrontación e crispación social como efecto resultante final. 
Sonan tambores de guerra en Vilanova de Arousa e quen está a desenterra-la machada de guerra é un veterano “pel vermella”, altamente inflamable, que incluso está disposto a arrincar calquera cabeleira, incluso á da Gran Xefa Branca da Deputación, asegurando que non quedará títere sin cabeza si se tocan ou “atentan” contra os intereses do seu pobo.
Aínda que o título desta nova película do oeste arousá poidera ser “Tambores de guerra” creo que Gonzalo Durán non está disposto, neste caso, a facer nin de indio nin de Alan Ladd tentando buscar a paz coa Gran Xefa Branca así que xa convocou a tódalas “tribus” do PPdeG, personificadas nos deputados provinciais Ángel Moldes, Luis Aragunde e Salomé Peña, para amosar ante a prensa as súas “pinturas de guerra”.
En fin, por Manitú, que con Gonzalo Durán ao fronte dunha locomotora e a Carmela Silva aos mandos da outra o resultado que nos espera non pode ser outro que “máis madeira” e prepararnos para un inevitable choque de trens, ou non?

Tambores de guerra en Vilanova

Te puede interesar