TELMO MARTÍN E O MONSTRUO DE SALKENSTEIN

N esta ocasión dame a impresión de que a toma de posesión dos alcaldes desta comarca vai contar cunha tensión parecida a aquela do partido que todos recordaremos (os que xa peiteamos canas) entre Malta e España que, ata que Señor meteu o último gol (o duodécimo) non puidemos respirar tranquilos. Aquí vai ser igual nalgúns concellos como Cambados, Ribadumia e incluso Sanxenxo. Precisamente no municipio por excelencia en canto a turismo de sol e praia, as casas de aposta están que se saen sobre quen será o alcalde que substitúa no mando a Catalina González. Unha vez visto o resultado das urnas moitos presumían (él tamén…) de que ía ser Telmo Martín, pero a medida que van pasando as horas parece que diso “rien de rien”… A todo emperador que se prece sáelle un “Bruto” que acaba acoitelándoo polas costas e Telmo Martín non ía ser menos.
Botou as contas da vella e tras dar as oportunas directrices (como está acostumado a facer) partiu rumbo ao país azteca cruzando a mar océana convencido de que o do vindeiro sábado 13 de xuño (mal número se non crece…) ía ser algo parecido a aquela frase que pronunciou Xulio César: “Vine, vidi, vinci…” pero parece que non… Resulta que a unha creación súa, bautizada co nome de Sanxenxo Agrupación Liberal (SAL) se lle deu por ter vida propia e, o que é máis grave, pensamento de seu e libre albedrío… Peor imposible!!! O pequeño Salkenstein converteuse no monstruo de Telmo Martín e agora atrévese incluso ao ameazar con deixalo “composto e sen noiva”… Menudo atrevemento!! Ante tamaña ofensa, o intrépido emprendedor e deputado nacional clamou ao ceo e facendo un chamamento aos xuramentados “pais fundadores” do invento (no que está incluído tamén el) arengounos para lembrarlles a razón de ser do SAL, que non era outra que “tocarlle unha serenata” á pobre de Catalina (quen, por certo, desde o seu “retiro obrigado” en Portonovo, debe estar que se troncha…) e non para ter criterio propio nin emanciparse e menos aínda enfrontarse ao seu pai… (coidado Gonzalo que xa sabes que Xúpiter acabou devorando aos seus fillos…). En fin, “cría corvos que eles che sacarán os ollos”, como di o refrán ou como din os máis achegados a Catalina González: “Quen xoga con lume acábase queimando”. Polo demais, advertirlles que neste tema de Sanxenxo sigan moi atentos porque coñecendo, como coñecemos, ao Sr. Telmo Martín aínda non está todo dito nin escrito… e menos aínda si se trata do seu epitafio. Ademais, como nos partidos de fútbol, sempre nos queda a prima a terceiros, os maletíns ou o consabido “Tamayazo”, ou non?

TELMO MARTÍN E O MONSTRUO DE SALKENSTEIN

Te puede interesar