Entre todos a mataron…

Nos últimos anos están aflorando diversas competicións que buscan facerse un oco no calendario deportivo galego, e tamén internacional, como un xeito de reivindicar o noso terruño desde un punto de vista turístico alternativo utilizando como vehículo de penetración no “mercado” unha actividade deportiva concreta.
Vigo, Pontevedra, e tamén Vilagarcía de Arousa, apostaron dun xeito claro e desde hai uns anos por esta nova modalidade turístico-deportiva que non só pretende servir de reclamo para os atletas que practican unha determinada modalidade senón tamén para o público en xeral que ven buscando espectáculos alternativos ou xeitos diferentes de pasar o seu tempo de lecer.
O caso do fiasco do III Triatlón Rías Baixas ven a empañar o exemplo organizativo que viña desplegando Vilagarcía en eventos de importante nivel como o Arousa Basket Cup ou o recente Arousa Fútbol 7 que consolidaron estes torneos, e a quen os promoven, como referentes de primeiro nivel desde o punto de vista organizativo.
Normalmente os políticos teñen por costume arrimarse ou apadriñar os éxitos alleos presentándoos como propios, senón que llo pregunten ao incombustible de Manolo Diz, pero fuxen rápidamente como gato escaldado de auga fría cando hai algún problema como o sucedido co III Triatlón Rías Baixas onde non só non hai ninguén que dea a cara senón que os implicados xa se están a ameazar con intercambiar querelas nos xulgados para diluir diante da cidadanía a incompetencia demostrada neste tema.
Pero a cuestión non é agora saber “quen puxo máis calor, tenrura, comprensión…” (como di a canción de Víctor Manuel) senón que os problemas hainos que prever e resolver antes de que sucedan porque ao final quen queda prexudicado neste tema son, primeiro os deportistas, e despois a imaxe dunha cidade como Vilagarcía que debería aspirar, polo menos, a estar na elite organizativa do deporte en Galicia, como xa ten demostrado abondo coas competicións anteriormente citadas que, pese ás dificultades (incluso en tempos nos que a crise arreciaba con máis forza) foron quen de deixar o pavillón da cidade non só nun lugar moi digno senón que, me atrevería a dicir, que incluso ben alto.
En fin, que esta proba que tan bo cartel tiña e que prometía o seu afianzamento como unha cita obrigada no calendario deportivo ligado á Ría de Arousa vai camiño de facer bo aquel dito de “entre todos a mataron, ela soa morreu”, ou non?

Entre todos a mataron…

Te puede interesar