TOMÁS FOLE CONTRA VENTO E MEGASA

Desde logo que a Tomás Fole se lle pode acusar de calquera cousa menos de non ter as ideas claras sobre un tema, sexa o que sexa.
Tenno demostrado sobradamente ao longo da súa xestión a través da posta en marcha de medidas que consideraba xustas e necesarias e que levantaron ampolas entre colectivos tan dispares como os empregados públicos e funcionarios do Concello ata os hosteleiros coas polémicas terrazas, pasando polas entidades culturais, as comisións de festas, etc. Desde logo o alcalde non deixou indiferente a ninguén en toda esta lexislatura que está agora a piques de rematar.
En canto á necesidade de administrar os tempos políticos de cara a unha maior rendabilidade ou simplemente oportunidade na súa xestión temos que significar que, a simple vista, parece que eses factores non só non lle preocupan senón que non os ten en conta.
A decisión de levar ao Consello de Xerencia de Urbanismo a polémica sobre a posible instalación dunha área comercial nos terreos de Megasa son boa mostra da súa valentía, ou temeridade, ás portas duns comicios electorais municipais onde el, e o seu grupo, se xogan claramente a súa continuidade.
Así, nos últimos tempos (máis ben desde que tomou posesión do seu cargo como rexedor de Vilagarcía), Tomás Fole ten a dubidosa virtude de unir na súa contra a canto colectivo actúa ou ten incidencia na cidade arousá. Non me cabe a menor dúbida de que non o fai a propósito (sería de suicidas), pero desde logo vai camiño de obter un récord na conformación dun consenso contrario a súa xestión, único na historia recente da Perla de Arousa.
Seguro que o fai convencido da conveniencia de dar luz ver á posta en marcha de iniciativas empresariales ou comerciais, como neste caso, que podan axudar, teóricamente, a dar solución ás alarmantes cifras de desemprego que se rexistran dun xeito especial en Vilagarcía, pese a que os datos de onte falan dun descenso paulatino nese aspecto aínda que a conta de contratos temporais (casi nun 90%) e onde só se benefician os homes e onde as mulleres non teñen apenas saída.
En fin, Tomás Fole sigue fiel aos seus principios aínda que seguilos podan levalo ao seu fin político. Desexándolle o mellor no persoal (sinto un aprezo especial por el e por moitos outros) hai que dicir que o actual alcalde de Vilagarcía é xenio e figura ata a súa sepultura política, ou non?

TOMÁS FOLE CONTRA VENTO E MEGASA

Te puede interesar