Totum revolutum...

Aquí ninguén gaña para sustos. Nin os do Partido Popular, que ese atopan inmersos nun proceso de primarias para elixir ao sucesor de Mariano Rajoy, que máis que un procedemento interno de renovación se está a convertir nun acto de expurgo con aceite de ricino que pode acabar como o “Rosario da Aurora”; nin tampouco os do Partido Socialista que, enarbolando a bandeira da rexeración democrática contra a corrupción para colarse na Moncloa, vense agora tamén inmersos na “Operación Enredadera” con concellos por eles gobernados requeridos pola xustiza por irregularidade e presuntos subornos en relación coas maquiniñas para regular os semáforos, dos que tampouco zafan alcaldes e políticos de Cidadáns, do impoluto Albert Rivera.
Tamén axentes da Policía Nacional requeriron documentacion ao Concello do Grove relacionada con esta macrooperación en todo o estado que ameaza con conducir aos calabozos a máis de medio cento de persoas entre políticos, técnicos municipais e policías locais. 
Desde logo parece que esteamos vivindo un proceso de descomposición xeralizado en toda a sociedade e onde non haxa un só partido político onde non se dean casos de presunta corrupción ou irregularidades con respecto á xestión pública. En nada anima ao cidadán a confiar nas institucións nin nas persoas que asumen a responsabilidade de velar polo interese xeral agrandando aínda máis a sensación de que todo o país se está a converter nunha grande “cova de Alí Babá” sin tregua, incluso durante a crise económica severa que tanto afectou, e aínda afecta, ao conxunto da cidadanía.
Desde o primeiro momento, tódolos partidos xa saíron á palestra a través dos seus voceiros para “apartar ráudos e veloces ese cáliz” e anunciar desde xa ceses fulminantes de militancia e a posta en funcionamento dos protocolos de actuación para casos de presunta corrupción.
O secretario xeral de Cidadáns, José Manuel Villegas, xa manifestou que ao seu partido “non lle tremerá o pulso” coa corrupción e anunciou que serán expulsados quenes sexan detidos ou imputados nesta macrooperación dando por entendido que non recurrirá á presunción de inocencia nin á preceptiva audiencia previa cos seus cargos públicos implicados neste engorroso tema o cal tamén deixa nunha situación de posible indefensión a estes cargos públicos do partido laranxa.
En fin, que nesto da política española parece que non se pode cuspir cara ao ceo porque polo que se ve o cesto está cheo de mazáns con verme ou, máis ben, vai ser máis correcto dicir que resulta imposible atopar cestos sin que haxa ningunha mazá podre, ou non?

Totum revolutum...

Te puede interesar