Tourís, o valedor do Salnés...

Esta semana coñecimos o relevo de José Manuel Cores Tourís ao fronte da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra. Este cambio non foi o único que realizou Núñez Feijóo nas cinco delegacións autonómicas. Renovou a tódolos responsables neste cargo en Galicia.

Con esta decisión, Cores Tourís queda como deputado no Parlamento galego e pecha unha etapa de máis dunha década de servizo público como ponte de unión entre a Xunta e os concellos da demarcación de Pontevedra, con especial adicación á súa patria chica: O Salnés. Ninguén pode negar que Tourís presumiu de cambadismo ata as última consecuencias reivindicando sempre as súas orixes e as pecularidades do seu concello e das súas xentes. Non en van tivo a honra de ser alcalde do seu pobo e un dos principais impulsores da Festa do Albariño non so desde a Alcaldía, cando lle tocou, senón tamén desde a Delegación Territorial da Xunta.

Co paso dos anos vanse mudando as caras dos principais políticos que foron marcando os destinos de Arousa desde os albores do século XXI e durante os últimos 20 anos. Dúas décadas que deron para todo e onde Cores Tourís tivo moito que dicir. No Salnés pasouse de ser unha terra estigmatizada a converterse en centro de atención política non so galega senón estatal.

Ninguén dubidaba das posibilidades turísticas da comarca tendo a Sanxenxo (con permiso do Grove) como principal polo de atracción engaiolando incluso ao Rei Emérito, agora en horas baixas, pero que segue a pensar na ría de Arousa para da-los seus bos paseos en barco. Tampouco somos alleos á promoción da Ruta da Auga e da Pedra cos paseos de Mariano Rajoy ou aos veraneos mediáticos en Ribadumia e tampouco desmereceron estes anos a presenza, a través do Capítulo Serenísimo do Albariño, de persoeiros de alto nivel do mundo do “papel chouché” tendo a Cambados como epicentro. Tamén a Ruta do Mar de Arousa, a Variante Espiritual, etc. etc.

Non cabe dúbida de que todos estes eventos teñen moitos pais e nais ávidos de recoñecemento, pero tamén en todos e cada un deles está o selo persoal de Cores Tourís impulsando e “apoiando a xogada” desde a Xunta a través da Delegación Territorial e das distintas consellerías.

Infinidade de obras de infraestrutura, estradas de alta capacidade, actuacións portuarias, a Mancomunidade, centros socioculturais, polígonos industriais, acuicultura, viticultura, innovación… Cando un bota a vista atrás, son moitas as cousas que parece que se fixeron soas, pero sin a man impulsora de alguén que, como Tourís, comprende, empatiza e incluso acompaña e lidera o desenvolvemento dunha comarca, sería non sei si imposible, pero desde logo moito máis difícil. A historia xulgarame, dixo no seu día un barbudo. Hoxe o barbudo por antonomasia do Salnés, cos seus claro-oscuros (como todos) pode dici-lo mesmo, pero coa cabeza ben alta, ou non?

Tourís, o valedor do Salnés...

Te puede interesar