Venden o leito de morte de Castelao...

A noticia de que o vello Centro Galego de Bos Aires e o seu emblemático hospital deixan de ter a súa tradicional vitola de pertenza á colectividade galega na capital arxentina non me enche máis que de pesadume por un feito que hai tempo que se viña vir, pero non por elo menos indesexable para os que tivemos a ocasión de ocuparnos, informativamente falando, dos galegos no exterior hai xa moitos anos.
Nese enorme edificio, ubicado en pleno barrio de Belgrano e que acaba de ser vendido a unha empresa española (Grupo Rivera de Salud, con sede en Valencia) e que mantén intereses e acordos de conveniencia coa Fundación médica e de investigación arxentina Favaloro, foi onde precisamente morreu no ano 1950 Daniel Alfonso Rodríguez Castelao, un rianxeiro, un arousán ilustre daqueles dos que podemos dicir, sin temor a equivocarnos, que non atoparemos nunca persoa de semellante tamaño intelectual e político como el en moitos anos.
Precisamente na habitación 202 dese hospital do Centro Galego de Bos Aires foi onde o galeguista universal expirou de corpo aínda que non de espírito nunhas datas moi próximas a estas, o 7 de xaneiro, como si non quixera fastidiarlle a ninguén as Festas do Nadal nin os Reis Magos...
O edificio do Centro Galego de Buenos Aires non é impresionante só polas súas dimensións, máis de 34.000 metros cadrados de galeguidade ateigados en seis plantas, senón pola historia que atesoura entre as súas paredes que foron testemuñas vivas do devir do noso pobo da man dos milleiros e milleiros de galegos que tiveron que emigrar por cuestións económicas ou exiliarse por motivos políticos ao longo do pasado século XX.
Intelectuais, artistas, pintores, escritores, médicos, profesionais de todo tipo tiñan no Centro Galego de Buenos Aires, e tamén no da Habana, o seu punto neurálxico para convivir e manter acesa, viva, a chama interior disfrazada de morriña e que falaba desa galeguidade universal que fai que o noso pobo estea presente en todo o mundo coñecido e máis alá...
Agora, cando chegan noticias tan tristes desde o alén mar, agardemos que todo o legado dos nosos emigrantes tampouco se perda dun xeito definitivo e pese a que os tempos de agora non son os de antes, manter vivos os vencellos coa nosa xente e coas xeracións vindeiras é garantía de futuro para o noso pobo, ou non?

Venden o leito de morte de Castelao...

Te puede interesar