A vida en si é un exercizo continuo de superación e supervivencia

A vida en si é un exercizo continuo de superación e supervivencia que acada un maior sentido cando estamos a falar de asociacións ou colectivos como Esperanza Salnés que penden sempre da “xenerosidade” e a “comprensión” do político de turno para garantir a súa continuidade pese a que fan un importante labor social e de atención a persoas que realmente o precisan e que non contan co suficiente apoio por parte do estado do benestar e das institucións públicas, como deberan.
Desde logo o traballo e a angustia engadida que sufren as familias dos 18 rapaces que se benefician da actuación de Esperanza Salnés non a merecen e parece que, ano tras ano, haxa que estar pendente desa “voluntariedade” política pare resolver desde a Xunta ou o Concello de Cambados, antes tamén desde a Deputación de Pontevedra, o último impulso para que a nave poda chegar con equilibrio económico a fin de ano e volver retornar a “navegar” un ano máis.
Desde logo non entendo que impedimentos podería haber para que as tres administracións anteriormente citadas conveniaran dun xeito comprometido e estable algún tipo de acordo con Esperanza Salnés co fin de poder arbitrar unha fórmula que garanta o seu funcionamento independentemente da cor política e da “sensibilidade” que experimente o titular de turno en cadansúa institución e poñer fin a un sinvivir no que se convirte para Augusto Chaves e os seus colaboradores manter acesa esta chama de esperanza para moitas familias. E que pasará cando eles non poidan ou non sexan capaces? Terán que pechar e botar á rúa a estes 18 mozos e mozas que reciben unha atención especial e especializada para as necesidades humanas que demandan?
Non sei, pero a estas alturas do Belén cuestións como as que atende Esperanza Salnés deberían estar por enriba de calquera “comprensión” política e orzamentaria e resolverse dun xeito claro e definitivo porque os perxudicados teñen nomes e apelidos e son persoas que precisan da solidariedade colectiva dos cidadáns a través dos seus impostos e si non, para que están?
En fin, agradecerlle a Augusto Chaves o seu esforzo e adicación e tamén expresarlle ás familias dos mozos e mozas de Esperanza Salnés a nosa total solidariedade e a verdade é que tamén nós non deberiamos abandonar toda “esperanza” de que algún día os nosos políticos gobernen coa sensibilidade e capacidade de xestión que se lles demanda, ou non?

A vida en si é un exercizo continuo de superación e supervivencia

Te puede interesar