Vilanova e a música en Arousa están de loito por Suso Nogueira

Estes días as noticias relacionadas co mar non son nada boas. Así ademais do achádego das primeiras vítimas do naufraxio do Rua Mar, no sur da Península, hai que engadir a localización do cadáver de Suso Nogueira Mouriño, un veciño moi distiguido e especial de Corón e director da Banda de Música Cultural de Vilanova de Arousa, é unha mostra máis de que ninguén sabe cando lle chega a súa hora e que moitas veces vanse antes de tempo os mellores.

Suso Nogueira deixa unha pegada indeleble non so entre os seus veciños de Corón e de Vilanova de Arousa senón en toda a comarca e, sobre todo, nos ambientes musicais da provincia de Pontevedra onde coñecían o seu talante e profesionalidade ao fronte da Banda de Música Cultural.

Hai moitos xeitos de facer patria e de reivindicar no día a día o orgullo que sentía por Vilanova e por toda a comarca de Arousa. El facíao desde a música levando o nome do seu pobo, do seu concello polo mundo adiante e sempre coa batuta ergueita a modo de faro inspirador como director dos seus compañeiros músicos.

O labor de persoas como Suso Nogueira deberían ser motivo de homenaxe (el recibiu o seu ofrecido polo Concello de Vilanova no ano 2013) e respecto continuo por parte de toda a sociedade. Eles, os músicos, co seu traballo e o seu esforzo son quen de reivindica-la cultura de a pé, e non so me refiro aos paseíllos que fan por canta corredoira hai para cumprimenta-los compromisos das comisións de festas levando a alegría e as gañas de divertirse polas grandes vilas e cidades, tamén polos pequenos pobos e aldeas que unha vez ao ano teñen, grazas a persoas como Suso, acceso á música de calidade e en directo, senón porque co seu esforzo e adicación manteñen vivas as tradicións e a cultura popular con maiúsculas.

Hoxe Corón, Vilanova e Arousa enteira están de loito  e choran polo tráxico falecemento de Suso Nogueira, pero para todos nós seguirá vivo o recordo dun home que sempre lle foi leal ao mar e a nosa Ría e que soubo levar a música no seu corazón ata pobos tan remotos do interior da provincia de Pontevedra con alegría e satisfacción propias do mellor profesional. A súa imaxe de home cercano e campechano sempre foi marca da casa e alá onde vaia seguro que abrirá a marcha dirixindo con elegancia e paso marcial aos músicos de ben entonando un pasodobre dos de antes, dos de sempre, dos de toda a vida, ou non?

Vilanova e a música en Arousa están de loito por Suso Nogueira

Te puede interesar