VILANOVA VOLVE AO LONXANO OESTE

Xa anunciabamos desde as páxinas de Diario de Arousa que a cuestión da paralización, por parte da nova Deputación, das obras do auditorio do Esteiro en Vilanova de Arousa ía traer cola e a profecía vai camiño de confirmarse. O último Pleno da Corporación Municipal volveu a converterse nun auténtico duelo ao estilo do “O.K. Corral”,  aquel suceso lexendario que foi levado ao cine a través de numerosos westerns e que revivían o famoso tiroteo de Tombstone (Arizona). Conta a lenda que os vellos revólveres chegaron a disparar unha media de trinta balas en medio minuto. Os mítimos Wyatt Earp, Morgan Earp, Virgil Earp e Doc Holliday loitaron contra Billy Claiborne, Frank McLaury, Tom McLaury, Billy Clanton e Ike Clanton.
Unha das películas que máis éxito tivo, e que eu lembro con especial cariño, foi a protagonizada por dous titáns do cine norteamericano de westerns, Burt Lancaster e Kirk Douglas.
Os que tiveron a ocasión de asistir a este Pleno creron ver por momentos a Gonzalo Durán e a Javier Tourís emulando a aqueles dous veteranos actores de Hollywood á hora de desenfundar os seus argumentos e disparar a “diestro e siniestro” contra calquera membro da oposición que ousara mover un so dedo para “empuñar” o seu turno de palabra.
Tamén hai quen comparou esta escena esperpéntica cunha refriega de indios onde un Javier Dios á desesperada agardaba, como auga de maio, a chegada dun hipotético Sétimo de Cabaleiría encarnado desde as bancadas do público asistente ao Pleno por numerosos socialistas cambadeses liderados pola alcaldesa Fátima Abal, sorprendida en medio da refriega nun intento inocente de enarbolar a bandeira do dereito histórico de Cambados na recuperación da capital do albariño.
A alcaldesa de Cambados non sabía que en Vilanova City cando sopran ventos de enfrontamento hai que facer como nas películas de vaqueiros e abandonar rápidamente o saloon aínda que sexa saltando pola fiestra si un non quere verse envolto nunha pelexa indesexada.
E os xornalistas? Pois como o pianista dun saloon, sin deixar de darlle ás teclas (as do ordenador en lugar das do piano) van vendo como en medio do intercambio de mamporros entre uns e outros, todo salta polos aires, e pouco queda en pé do respecto democrático e institucional e a defensa dos intereses dos cidadáns queda nun segundo plano diluíndose como un azucarillo nun vaso de güisqui, ou non?

VILANOVA VOLVE AO LONXANO OESTE

Te puede interesar