“¡Viva el vino!”

Arredor dun albariño é como os bos amigos no Salnés escollen a ocasión para discutir de fútbol, de pesca, de caza e, tamén, de política. Moitos son os bares, sobre todo nos entornos máis monumentais, onde arredor dun cataviños e unha tapa xenerosa é onde se arranxa o país e se comentan as xogadas cotiás. A verdade é que, por moi intensa que sexa a discusión e moi alto o ton de voz empregado, ao final, todo acaba en risas e na típica frase: “ponlles outras que pago eu…”
Algo parecido debería acabar pasando no equipo de goberno de Cambados por mor da concesión da distinción como Cidade Europea do Viño que, lonxe de se convertir en motivo de orgullo, parece que desatou unha carreira frenética por ver quen lograr sobresaír co pescozo ante calquera posibilidade de fotografía que se poda facer ao respecto, convertindo en foco mediático do enfrontamento unha cuestión que debería servir, precisamente, para aunar esforzos e amosarlle ao mundo do viño, e tamén aos cambadeses e a toda a comarca, que os nosos políticos son capaces de se poñer dacordo polo interese común. Nembargantes, precisamente determinar cal é ese ben común é o que está a provocar situacións que rozan o esperpento valleinclaniano en tódolos sentidos do termo.
Segue a ser un dos grandes males de Galicia o minifundio, de terras, ideolóxico e tamén político posto que ás veces esquécesenos que temos que estar por enriba de calquera visión localista á hora de buscar unha maior proxección exterior e altura de miras. Xa sei que ninguén está disposto a “traballar para o inglés” e que tampouco a ninguén lle gusta que se lle metan no seu, sobre todo cando se fai un reparto e o que parecía meramente accesorio se convirte agora en fundamental e “política de estado” concitando maior atención da inicialmente prevista.
Pero por enriba de todo esto está a imaxe de Cambados e a do sector vitivinícola que se xoga moito con esta distinción e que con comportamentos de desunión, enfrontamento e polémica estéril é como se vai acuñando a “marca España”, pero desde o punto de vista máis peiorativo, ao estilo de “Spain is different”, precisamente por como somos…
En fin, aínda que non sirva de precedente, voume sumar ao famoso berro de Mariano Rajoy cando dixo aquello de “¡Viva el vino!”, pero desde logo non se me ocurre mellor idea para superar este problema, ou non?

“¡Viva el vino!”

Te puede interesar