Volta ao cole desde a incerteza

A volta ao cole marca tradicionalmente a fin do verán e o comezo do outono, aínda que non coincida exactamente co calendario estacional. Nesta ocasión este proceso conlevará un incremento substancial no tradicional rebumbio doméstico derivado da volta á rutina das présas, das combinacións imposibles para harmoniza-la vida laboral coa familiar, ás actividades extraescolares, aos deberes, etc. Este ano todo fai indicar que vai supoñer un récord de estrés a maiores polos condicionantes marcados polo Covid-19.

Diante de nós estarán mil e un retos novos que debemos afrontar: Inmunizar ao nosos fillos durante o traxecto en autobús escolar desde as respectivas paradas ata o centro educativo, acostumarse a convivir dentro das “aulas burbulla” e limitar ao máximo o instinto natural dos cativos marcado por toca-lo todo e inhibirse totalmente durante a interrelación cos demais. Será unha misión imposible?

Desde logo vai ser moi complicado, pero a alternativa sería un modelo educativo que perdera por completo a súa faceta socializadora tendo como punto de unión e de relación entre os cativos e o seu educador a fría pantalla dun ordenador, unha táblet ou dun smartphone. Triste panorama de calquera película futurista e de ciencia ficción…

Ante este dilema os pais e nais, o que máis e o que menos, miramos con recelo o protocolo que se vai poñer en marcha para evitar non so que os nenos e nenas sexan vítimas do Covid-19 senón tamén que non acaben converténdose en factores activos de transmisión do virus ao resto da familia, especialmente aos máis vulnerables como son os avós e as avóas. Menuda carga de conciencia teñen algúns cativos que xa pensan con temor como van facer para non leva-los contaxios á casa! E como repercutirá eso na súa formación psicolóxica como persoas?

Por outra banda está o corpo docente sobre o que imos depositar tódalas nosas confianzas e oracións para que velen para que os nosos fillos e fillas non se contaxien do virus desta pandemia. Teremos que mirar cara ás autoridades sanitarias e educativas tanto autonómicas como municipais para demandar delas a necesaria e obrigada profilaxis e asepsia previa nos centros educativos para minimizar, desde o principio, a posibilidade de contaxio.

Desde logo este será un inicio de curso que vai ser recordado para sempre polos nosos fillos e fillas e tamén por todos nós coa vista posta na esperanza e na intermediación dalgún ser divino que nos protexa ante un exercizo de confianza colectiva que agardemos non se quebre aos poucos días de dar comezo o curso escolar porque a alternativa, o confinamento, é unha solución comunmente aceptada por todos como imposible, ou non?

Volta ao cole desde a incerteza

Te puede interesar