Sábado 15.12.2018

Volveuse a arma-lo Belén... en Valga

Un clásico do Nadal na comarca do Ulla-Umia é o Belén de Valga. Unha obra colectiva de carácter efímero que prolonga a súa vida todo o máximo que se pode tirando para elo do interese que levanta entre o numerosísimo público que cada vez que se constrúe acude a visitalo. O pasado ano máis de 42.000 persoas, que si pronto.
Esta ano, como sempre, volve a non deixar indiferente a ninguén e a facer un retrato, cheo de sátira e retranca, da realidade e da actualidade informativa do momento que, a modo de anuario, vai percorrendo os sucedidos máis salientables deste ano que agora esmorece co derradeiro mes da súa existencia.
Nesta ocasión, neste Belén declarado de Interese Turístico de Galicia no ano 2013,  non pasaron desapercibidos para estes peculiares belenistas valgueses o chalé dos “podemitas” Pablo Iglesias e Irene Montero, nin o falecemento da grande Montserrat Caballé, os “másteres” das súas señorías, o conflicto do “Proces” catalán ou incluso o tira e afouxa entre as dúas raíñas por mor dun posado da princesa de Asturias ante os fotógrafos.
Pero, como tódolos anos, o Belén de Valga ten, alomenos, un punto de polémica e nesta ocasión os defensores e detractores do sentido do humor valgués teñen o seu rifirrafe na representación dun cárcere, onde estarían ingresados desde Iñaki Urdangarín (cunhas comodidades dignas do seu rango…), ata o “Chicle”, asasino de Diana Quer, ou Ana Julia Quezada, autora do infanticidio de Gabriel Cruz. Xunto a eles, os defensores da prisión permanente revisable para crimes de lesa humanidade.
Precisamente este tema recollido este ano no Belén de Valga é obxecto de polémica sobre a oportunidade ou non de que figuren estes siniestros personaxes nunha recreación lúdica como esta que é visitada por grande número de persoas, entre elas escolares de centros educativos, que poden verse afectados por estas imaxes.
A verdade, creo que a intención dos autores e promotores deste Belén nada ten que ver con esa idea, nin moito menos, e máis ben entra dentro da súa intención de ofrecer un Belén diferente, atractivo e que recolla a actualidade de todo un ano 2018 no que, coma sempre, hai noticias positivas e outras non tanto.
A boa intención e a orixinalidade do Belén de Valga está por enriba de calquera mala interpretación e, si nos quixeramos poñer exquisitos, tamén poderiamos dicir que si queremos ser fieles á tradición tamén, no belenismo clásico, se representa algún que outro infanticida como o propio rei Herodes, ou non?

Volveuse a arma-lo Belén... en Valga
Comentarios